O tráfico na fronteira de Tui con Portugal é fluído despois de abrir o tramo cortado na A-555
O tráfico na fronteira de Tui con Portugal é fluído despois de abrir o tramo cortado na A-555
Durante a fin de semana o tráfico colapsou as rúas Tui polo desvío obrigatorio pola vila
A A-55 está xa aberta despois de manter esta fin de semana un tramo de quilómetro e medio pechado por mor das obras que derribaron e colocaron en dous días unha ponte sobre a vía.
Os vehículos, que foron desviados polo núcleo urbano de Tui, colapsaron a vila con ringleiras de coches que superaban os dous quilómetros. Arestora nesa fronteira entre Galicia e Portugal o tráfico é xa fluído.
Os cortes desde o quilómetro 29.1 ao 30.6 na A-55 desde o venres ata as cinco da tarde do domingo alteraron Tui. Para ir e vir de Portugal era obrigado atravesar o casco urbano da vila.
Esta fronteira é a de máis tráfico entre lusos e españois. Máis aínda en temporada de compras de black friday e sen chover. Por iso a tarde do sábado as ringleiras de coches eran de dous quilómetros tanto na autovía coma no centro de Tui.
"Anunciouse con antelación pero aínda así é complicado, aínda que non podemos esquecer que somos o paso fronteirizo máis transitado de España, co paso de preto de 20.000 vehículos ao día. E desviar todo ese tráfico por un núcleo urbano é imposible. Polo tanto era ata certo punto previsible pensar que se ían producir grandes ringleiras de coches e retencións", conta o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro.
O domingo á mañá, coa A-55 aínda cortada, co tráfico aínda desviado polo núcleo urbano de Tui, non houbo atascos. Chovía e os usuarios xa viran o colapso do día anterior e saíron menos. Ás cinco da tarde a autovía volvía abrir, só un carril por cada sentido, o suficiente para que arestora xa non vexamos retencións.
A causa deste corte no tráfico, anunciado semanas atrás, respondeu a motivos de seguridade nas obras da vía de alta capacidade entre Tui e A Guarda, tutelada pola Consellería de infraestruturas. Para poder quitar un paso a nivel e instalar outro con vías prefabricadas en menos de 70 horas era necesario cortar a vía da contorna.