Publicador de contidos

Publicador de contidos

O TSXG confirma a condena a José Eirín a 22 anos de cárcere por asasinar a Jéssica Méndez

O TSXG confirma a condena a José Eirín a 22 anos de cárcere por asasinar a Jéssica Méndez

O acusado golpeara mortalmente a muller co seu vehículo, tras anos de odio cara a ela despois de que rexeitara unha relación con el

Os membros do xurado concluíron que “o modo en que acusado dirixiu o seu vehículo e impactou violentamente contra o da vítima eliminou calquera posibilidade de reacción defensiva”

O acusado José Eirín (M. Dylan/EP) O acusado José Eirín (M. Dylan/EP)
G24.gal 07/02/2025 11:53

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sentenza da sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra na que condena José Eirín a 22 anos de cárcere por asasinar en 2022 a súa veciña, Jéssica Méndez. O acusado golpeara mortalmente a muller co seu vehículo, tras anos de odio cara ela despois de que rexeitara unha relación co citado asasino. No momento de ditar a pena, tívose en conta a circunstancia agravante de cometer o delito por razóns de xénero.

O Tribunal do Xurado considerou probado que sobre as 9:25 horas do 17 de marzo de 2022, na estrada N-550, á altura de Barro, o acusado, “co propósito de acabar coa vida da vítima”, dirixiu “intencionadamente” o vehículo que conducía contra o dela, que se atopaba detido, agardando para incorporarse á N-550 desde unha estrada secundaria. O acusado impactou contra a zona centro-lateral esquerda a unha velocidade aproximada de 80 quilómetros por hora.

Os membros do xurado concluíron que “o modo no que acusado dirixiu o seu vehículo e impactou violentamente contra o da vítima eliminou calquera posibilidade de reacción defensiva”, así como que a causa dos feitos foi “a indiferenza da vítima” cara ao condenado.

Un feito doloso por razóns de xénero

A Sala rexeitou todos os motivos do recurso de apelación presentado pola defensa do condenado, entre eles o feito de que non atenderan a súa pretensión de declarar en último lugar no xuízo tras a práctica do resto das probas. O procesado tamén denunciou indefensión porque se decatou o día anterior á vista de que non se lle dera copia impresa dunhas mensaxes de WhatsApp do móbil da vítima. 

Por outra parte, tamén se rexeitou a vulneración que alegou do artigo 24.2 da Constitución Española como consecuencia da inadmisión de resolucións xudiciais e as súas impugnacións "para que os xurados puidesen comprobar a evolución da imputación inicial e como a mesma foi variando de xustificación".

Neste sentido, o TSXG, incide “no coidado co que a Lei regula o obxecto sobre o que debe versar a proba, precisamente para evitar calquera indicio de confusión xeradora de indefensión”. Engade que “a instrución foi avanzando e, o que en principio parecía un homicidio imprudente de tráfico, foi derivando cara a un feito doloso”. 

Os maxistrados tamén rexeitan a aplicación da atenuante de reparación do dano, pois aínda que “se declarase probado que se fixeron xestións por parte do acusado coa compañía aseguradora para que indemnizase aos prexudicados, tales xestións resultarían irrelevantes como substrato desta atenuante”. Salientan que “a actuación do acusado, aínda que se dese por probada, non gardaría semellanza algunha coa estrutura e características da atenuante de reparación”. Así e todo, a sentenza non é firme, pois cabe presentar recurso de casación no Tribunal Supremo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade