O vicepresidente Diego Calvo urxe o Goberno a recorrer polo veto á pesca
O vicepresidente Diego Calvo urxe o Goberno a recorrer polo veto á pesca
Critica o Goberno central pola súa pasividade ante os fondos europeos de recuperación
Asegura que a Xunta ten a súa "propia senda fiscal" e defende a política do PP neste eido
Cualifica de "mala nova" que Transportes confirme a demora na chegada dos trens AVRIL
O vicepresidente segundo da Xunta, Diego Calvo, urxe o Goberno central a recorrer contra o veto da Comisión Europea á pesca de arrastre en 87 caladoiros do Atlántico.
Nunha entrevista no Galicia por diante fin de semana da Radio Galega, Calvo amósase pesimista ao admitir que cre que cada vez "existe menos marxe" para reverter esta decisión.
Para o número tres do Goberno galego, o executivo central ten que presentar recurso "canto antes" e "pedir a paralización" da entrada en vigor da medida. Non só dubida da marxe de actuación, senón que dubida do interese do Goberno central en recorrer nas vésperas da reunión do Consello Europeo de Pesca.
"Eu non teño especial confianza. É verdade que as palabras din unha cousa pero os feitos, verémolos. Na reunión do luns este tema vaise tocar pero é un tema adicional dentro dunha reunión moito máis ampla. Confío en que se poña enriba da mesa pero tendo en conta cal foi a postura ata o día de hoxe do comisario da Unión neste sentido, vexo moi difícil que nunha reunión o luns se poida desbloquear. Oxalá me equivoque e isto fose así. Se non ocorre isto, o que espero é que non haxa que perder nin un minuto e poder presentar un recurso tanto por parte do Goberno e se o Goberno non o fai, loxicamente Galicia vaino facer".
Política fiscal
O vicepresidente segundo da Xunta enmarca dentro da "senda fiscal propia" do Goberno galego a nova bonificación do Imposto de Patrimonio anunciada polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda. Asegura que o executivo autonómico ten a súa propia folla de ruta na que se "pode seguir afondando".
Calvo tamén defendeu a política fiscal impulsada polo PP ao considerar que "ten bastante aceptación".
"A esquerda o que quere é ter todos os cartos da maior parte da poboación e despois repartir axudas. Nós cremos que os que deben decidir en que gastalos son as familias. Eu entendo que non lles guste e que ademais se poñan nerviosos porque é unha senda que está en moitas comunidades autónomas e creo que ten bastante cabida dentro da poboación e ten bastante aceptación".
Infraestruturas
Diego Calvo cualifica como "mala nova" a confirmación por parte de Transportes da demora da chegada dos trens AVRIL a Galicia e como "chiste" a exclusión de Galicia do mapa das denominadas autoestradas ferroviarias presentado hai semanas polo Goberno central.
Tamén critica a pasividade a xestión dos fondos europeos de recuperación que fai o Goberno.