O volcán filipino Mayón expulsa unha lingua de lava e aumenta o risco de erupción maior
O volcán filipino Mayón expulsa unha lingua de lava e aumenta o risco de erupción maior
Nivel de alerta 3, sobre un máximo de 5, ante o risco de "erupción perigosa nos próximos días ou semanas"
O volcán Mayón, o máis activo de Filipinas, cuspiu onte á noite unha lingua de lava duns 500 metros de lonxitude, mentres as autoridades vixían este luns a actividade ante o aumento de risco dunha erupción maior.
Ao redor de 13.000 persoas ou 3.761 familias foron evacuadas das inmediacións do Mayón, detallou o Servizo de Emerxencias de Albay, a provincia ao nordés do arquipélago onde se atopa o volcán, e ducias de milleiros de residentes prepáranse para un desaloxo masivo no caso de que empeore a situación.
O Mayón cuspiu a véspera e ao longo da madrugada ríos de lava que baixaron lentamente pola ladeira do volcán, apunta nun comunicado a axencia sismolóxica de Filipinas (Phivolcs).
A actividade do magma presente no cráter e a subida da presión provocaron a aparición na cima dun novo domo de lava, un montículo circular que desprazou ao anterior.
Phivolcs indicou no seu informe deste luns que durante a xornada previa se rexistraron 261 episodios de caídas de pedras e 21 terremotos volcánicos, e mantén o nivel de alerta 3 (sobre un máximo de 5) ante o risco de "erupción perigosa nos próximos días ou semanas”.
Policías e soldados custodian o perímetro de seguridade de seis quilómetros ao redor do volcán para evitar que os residentes regresen á zona de perigo.
O aumento de emisións de dióxido de xofre levou ao Ministerio de Saúde a advertir este domingo á poboación dos riscos para a saúde de inhalar este gas ou de respirar aire contaminado con cinza, polo que pediu que permanezan o máis afastados que poidan.
Pola súa banda, o ministro de Benestar e Desenvolvemento Rex Gatchalian confirmou este luns que as autoridades repartiron unhas 38.000 caixas de comida, ou o equivalente a máis de 15 días de provisións para as familias afectadas.