Publicador de contidos
Publicador de contidos

O xabaril provoca danos nas hortas de varias aldeas de Lobios

O xabaril provoca danos nas hortas de varias aldeas de Lobios

Contan que nesta aldea viven sete veciños e que cada vez serán menos se nin sequera poden cultivar as terras

G24.gal 07/06/2023 14:29

Contan os veciños que é o xabaril o que lles está a provocar importantes problemas nos seus cultivos. Nesta aldea de Manín entrou nas hortas nos últimos días e non deixou nin a proba das cenorias ou as leitugas, por exemplo. Din que de nada serven os peches arredor das leiras e que mesmo chegaron ver os animais diante das casas.

Esta é a horta de Pilar na aldea de Manín, unha das últimas ás que se achegaron os xabarís.

"Non me quedou unha leituga, nin unha cenoria, pementos rotos, cebolas rotas, e derrama todo. Non é só o que come, estragou o valado, e todo o que derrama despois de pisar e morder, iso non vale. Podrece!"

Nesta aldea situada en pleno Xurés o problema din, vai máis aló. Tamén nas aldeas da contorna levan tempo sufrindo os estragos do xabaril.

"Os arredores todos das leiras que tiña aquí na aldea comeunos todos. Detrás da miña casa comeu tamén as leitugas, pementos, comeu de todo. Levanta as redes e come todo. Agora dalle por comer a ensalada a todo o mundo, os pementos todos. Este ano si".

Contan que xa hai tempo que deixaron de coidar as viñas, despois de que o xabaril as estragara ano tras ano.

"Foi a ensalada, todo arredor das cebolas e comeuna. E as cepas, foi as uvas, as videiras, antes de botar as uvas tivemos que tapar a viña para que non acabara de comelas. Ía comer as vides, segundo ían crecendo comíaas".

Contan que nesta aldea viven sete veciños e que cada vez serán menos se nin sequera poden cultivar as terras. Piden que alguén bote man do problema para evitar que a situación empeore ano tras ano.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade