Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Xapón aproba o maior rearmamento desde a II Guerra Mundial cun gasto récord en defensa

O Xapón aproba o maior rearmamento desde a II Guerra Mundial cun gasto récord en defensa

A nova estratexia vai dirixida a conter a China e advertir a Corea do Norte

A gran novidade é que, a pesar das limitacións constitucionais, O Xapón dótase de capacidade de contraataque para atacar bases inimigas 

G24.gal 16/12/2022 10:48

O Goberno do Xapón aprobou este venres as súas novas directrices de Defensa, que por primeira vez inclúen dotarse da capacidade de atacar bases inimigas en caso de ameaza á seguridade nacional, ademais dun incremento récord do seu gasto militar.

Esas novas directrices marcan o seu maior rearmamento desde o final da II Guerra Mundial e dótano de capacidades militares ata o de agora inéditas, nun país cunha Constitución definida como pacifista e que limita o uso da forza para resolver conflitos.

Este xiro chega nun contexto de crecentes tensións rexionais debido ao auxe militar da China e aos continuos tests de mísiles de Corea do Norte. Ademais tamén coincide coa guerra en Ucraína, tendo en conta que Tokyo mantén unha disputa territorial con Rusia.

O primeiro ministro do Xapón Fumio Kishida afirmou que dotar o país con novas capacidades militares de "contraataque" é "imprescindible" para a súa supervivencia ante os desenvolvementos por parte doutras nacións.

A folla de ruta para este cambio de estratexia defínese en tres documentos que marcan o camiño para os próximos dez anos.

O Xapón define como obxectivo incrementar o gasto militar entre 2023 e 2027 ata o 2 % do PIB, o cal o equipara ao nivel de gasto dos países membros da OTAN e rompe o teito inferior ao 1 % que desde hai décadas mantén.

Capacidade de contraataque

O punto máis novo e polémico é o que fala das novas "capacidades de contraataque". Nos documentos isto defínese como o poder de atacar instalacións militares inimigas como vía para disuadir ou previr potenciais ofensivas contra O Xapón ou contra países aliados.

Isto considérase dentro do "mínimo indispensable" para a defensa de territorio xaponés ante os rápidos desenvolvementos armamentísticos da China e Corea do Norte. Porén, xerou un amplo debate por se permite abrir a porta a ataques preventivos.

Isto sería difícil encaixalo na Constitución pacifista do Xapón, que limita o uso da forza militar a funcións exclusivamente defensivas. A redacción do documento non afonda en como se tomaría a decisión para recorrer a esta medida, aínda que si sinala que calquera posible "contraataque" se coordinaría cos Estados Unidos.

Por causa dese límite constitucional e de que o Xapón depende en gran medida dos EUA para a defensa do seu territorio, o Exército nipón contaba ata o de agora tan só con mísiles que como máximo podían alcanzar varios centenares de quilómetros.

O Xapón planea agora facerse con proxectís de moito maior rango, entre eles mísiles Tomahawk estadounidenses, capaces de alcanzar obxectivos a máis de 1.000 km, ademais de modificar mísiles domésticos antibuque para convertelos en armas de longo alcance e de desenvolver proxectís hipersónicos.

Deste xeito, O Xapón confía en gañar poder disuasorio ante Corea do Norte e A China. Tokyo prevé instalar escudos antimísiles en puntos estratéxicos do territorio e despregar parte do novo arsenal de longo alcance no extremo suroccidental do arquipélago nipón e próximo a Taiwan, nun movemento dirixido a contrarrestar os de Pequín na zona e para anticiparse a un potencial enfrontamento na illa reclamada pola China.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade