O Xapón considera "unha provocación" a frecuencia dos mísiles de Pyongyang
O Xapón considera "unha provocación" a frecuencia dos mísiles de Pyongyang
Medra a tensión na zona tras o lanzamento dun proxectil balístico de curto alcance ao mar nipón
O ministro de Exteriores nipón Yoshimasa Hayashi dixo este venres que a frecuencia dos lanzamentos de mísiles de Pyongyang "é unha provocación", tras o último disparo dun proxectil balístico de curto alcance ao mar do Xapón, chamado do Leste nas dúas Coreas.
"O feito de que lancen mísiles con tanta frecuencia é unha provocación e indica que están a dar as costas á comunidade internacional, polo que condenamos estes actos e estamos a considerar unha resposta", dixo Hayashi nunha conferencia de prensa.
O lanzamento de Corea do Norte é o noveno deste tipo que se produce nos últimos 20 días e un paso máis na escalada de tensión que se vive na zona.
Produciuse apenas unha hora despois de que polo menos dez aeronaves norcoreanas realizasen manobras preto da fronteira co Sur, o cal obrigou a Seúl a despregar avións para unha posible interceptación.
Un día antes, Pyongyang confirmou a realización doutro lanzamento de proba de mísiles de cruceiro ao mar Amarelo.
Primeiras sancións en cinco anos
En resposta, Seúl anunciou as súas primeiras sancións contra Corea do Norte en cinco anos, que afectan a 15 individuos e 16 entidades norcoreanas, entre eles catro membros da Segunda Academia de Ciencias Naturais, organización estatal norcoreana que segundo a ONU é responsable da investigación e desenvolvemento de armamento avanzado.
Hayashi asegurou que Tokyo apoia a decisión de Seúl, pero non confirmou se O Xapón seguirá os seus pasos. Porén, engadiu que o Executivo nipón colaborará coa comunidade internacional, especialmente Corea do Sur e os Estados Unidos, para determinar cal debe ser o seguinte paso.
A sucesión dos ensaios que Pyongyang está a realizar desde o 25 de setembro busca poñer a proba os seus sistemas de armamento nuclear táctico en resposta ás recentes manobras dun portaavións estadounidense en augas da península coreana.