O xefe do Pentágono revelou horarios dos bombardeos ao Iemen nun chat telefónico
No grupo estaba incluído por erro un xornalista
A administración de Trump negou que se tratase dunha fuga de información clasificada

O secretario de Defensa dos Estados Unidos, Pete Hegseth, revelou os horarios dos bombardeos no Iemen nun chat no que foi incluído por erro un xornalista de The Atlantic antes de que se producise o ataque, pero a Administración de Donald Trump saíu este mércores en tromba a negar que se tratase dunha fuga de información clasificada.
O editor xefe da revista The Atlantic publicou este mércores novos detalles da conversa que altos cargos da Administración mantiveron a través da aplicación de mensaxería Signal para preparar o ataque aos rebeldes hutís do Iemen do 15 de marzo.
Horarios e armamento dos ataques
Hegseth facilitou nese chat os horarios concretos dos bombardeos e o armamento que se ía utilizar no ataque, unha información que, segundo The Atlantic, podería frustrar a operación se caese en mans inadecuadas.
"O tempo é FAVORABLE. Acabo de CONFIRMAR con CENTCOM que PROCEDEMOS co lanzamento da misión", explica Hegseth sobre o Comando Central aos 18 membros do grupo, entre os que se atopaban o secretario de Estado, Marco Rubio, ou o director da CIA, John Ratcliffe.
O xefe do Pentágono publicou por exemplo que ás 12:15 hora de Washington comezarían os primeiros lanzamentos con avións F-18 e que ás 14:15 se producirían os primeiros bombardeos con drons.
Nunha das mensaxes o xefe do Pentágono di que eses detalles "están aclarados en OPSEC", é dicir, desde un punto de vista da Seguridade Operativa.
Goldberg xa revelara o luns a primeira parte da súa exclusiva sobre a existencia dese chat, pero sen publicar detalles que consideraba comprometidos para a intelixencia estadounidense.
Con todo, despois de que a Administración de Trump negase insistentemente que nese chat se compartisen plans bélicos de natureza clasificada, o xornalista optou por presentar á opinión pública as mensaxes do secretario de Defensa.
A polémica desatou un intenso debate sobre se a información compartida nese chat era clasificada e sobre se é adecuado que altos funcionarios debatan plans de alta sensibilidade a través de Signal, unha aplicación de mensaxería encriptada, pero non controlada polo Goberno estadounidense.
Negan información clasificada e atacan o xornalista
Trump pechou filas o martes co seu equipo e defendeu o labor do seu conselleiro de Seguridade Nacional.
Este mércores, o presidente afirmou que nese chat só se compartiron "detalles" sen maior importancia.
"Non había detalles nin nada que comprometese (o ataque)... Realmente non é gran cousa", dixo o mandatario nunha entrevista co podcast The Vince Show.
Ao preguntarlle pola inclusión do xornalista no chat de Signal, o republicano cualificouno de "accidente" e deixou caer que podía ser "un membro do persoal moi inocente".
Mike Waltz destacou o feito de que nese chat non se compartiron localizacións, fontes nin métodos, e polo tanto, non se trataba de "plans de guerra" ou información sensible para a seguridade nacional.
Para o Pentágono, as novas revelacións de The Atlantic demostran que "non había material clasificado ou plans de guerra" nese chat e que o único que estaba a facer Hegseth era actualizar os seus colegas "sobre os plans que estaban en marcha e que xa se transmitiran a través de canles oficiais".
A Casa Branca defendeu que o uso de Signal foi avalado pola intelixencia estadounidense e intensificou os ataques contra Goldberg, ao que acusou de apoiar os demócratas e de ser "un reporteiro sensacionalista anti-Trump".
Polo momento, o secretario Hegseth foi demandado ante o tribunal federal do Distrito de Columbia por discutir "plans de guerra" a través de Signal.
A demanda, interposta por American Oversight, unha organización sen ánimo de lucro, alega que o equipo do presidente violou a Lei de Rexistros Federais e a Lei de Procedemento Administrativo ao compartir esa información pola devandita aplicación de mensaxería, porque autodestrúe as mensaxes.