O xuíz cuestiona a "inusual" insistencia do fiscal na causa sobre Begoña Gómez
O xuíz cuestiona a "inusual" insistencia do fiscal na causa sobre Begoña Gómez
O maxistrado pediu un informe sobre as "frecuentes e inusuais visitas" do fiscal do caso ao seu xulgado
O xuíz que investiga a querela contra Begoña Gómez, muller do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, por presuntos delitos de corrupción nos negocios e tráfico de influencias, pediu un informe sobre as "frecuentes e inusuais visitas" do fiscal do caso ao xulgado e a súa "inhabitual" actitude procesual.
Fontes xurídicas informaron a Efe de que o xuíz ditou unha serie de dilixencias, entre elas as de pedir ao letrado do xulgado un informe sobre a frecuencia desas visitas e "a insistencia" por parte do fiscal en coñecer inmediatamente as resolucións que se ditan ou as que se van ditar.
Ao xuíz tamén lle sorprende o "singular" que foi que o fiscal recorrese de forma "case automática" a apertura da causa, algo "totalmente inhabitual", e que queira coñecer as resolucións que se ditan, "mesmo antes de ser notificadas".
Por outra banda, o maxistrado solicitou á Policía que lle remita copia do DNI de Begoña Gómez, a quen menciona na providencia como "investigada", segundo as fontes consultadas.
Fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Madrid precisaron que a muller do presidente do Goberno non ten a condición de investigada, senón de querelada, e que non foi chamada a declarar.
Na causa xa están presentadas as acusacións de Mans Limpas -que interpuxo a querela-, Vox e o denominado Movemento de Rexeneración Democrática de España e o xuíz decidiu facerlles chegar o contido das declaracións prestadas polo director de El Confidencial, Ignacio Cardero, e o de Esdiario.com, Francisco Mercado, e dos documentos achegados polo primeiro.