A vitoria do Obradoiro en Bilbao permítelle saír do descenso (72-75)
A vitoria do Obradoiro en Bilbao permítelle saír do descenso (72-75)
Os de Moncho Fernández acadan a oitava vitoria da temporada e superan na clasificación o Breogán
O Obradoiro suou para lograr a oitava vitoria da temporada pero gañou un partido en Bilbao que pode ser decisivo para a permanencia na ACB (72-75).
Tivo un bo comezo o Obradoiro da man dos seus pívots Pustovyi e Blazevic grazas aos que chegaron a ter un 11-19 (despois dun parcial de 2-10). Pero Bilbao equilibrou o encontro no remate do primeiro cuarto (18-19) e meteu un pulo grazas ao acerto de Pantzar (38-28) conseguindo unha máxima vantaxe para os locais de dez puntos. Nese ir e vir o Obradoiro reaccionou e ao descanso a desvantaxe era só de dous puntos (40-38).
No terceiro cuarto mantívose o equilibrio sen que ningún dos dous conseguise ir máis aló dos catro tantos de diferenza (59-60 ao remate). Todo quedou pendente dun último cuarto no que houbo pouco acerto. O Bilbao colleu a dianteira (68-64) pero o Obradoiro conseguiu igualar (70-70) e a un minuto do final un roubo de Scrubb permitiulle poñerse tres arriba (70-73). No intercambio dos tiros libres os de Moncho Fernández aguantaron e levaron o triunfo que os saca do descenso.