Un xornalista ruso morre nun ataque ucraíno contra un convoi de prensa
Un xornalista ruso morre nun ataque ucraíno contra un convoi de prensa
Polo menos dez civís falecen nas últimas ofensivas de Moscova na rexión de Donetsk
As autoridades ucraínas denunciaron novos bombardeos rusos contra dúas poboacións da rexión de Donetsk nos que morreron polo menos dez persoas.
Por outro lado, Moscova denunciou un ataque ucraíno contra un convoi de prensa. Un xornalista ruso morreu e outros tres quedaron feridos.
Os servizos de rescate e desentullo traballan intensamente na cidade portuaria ucraína de Odesa, bombardeada durante os últimos catro días pola artillería rusa, nunha operación claramente encamiñada ao bloqueo do litoral ucraíno.
Os ataques van dirixidos preferentemente contra os silos e as infraestruturas de almacenamento de cereais, aínda que algúns mísiles tamén caeron nas zonas do centro histórico de Odesa.
Control da exportación
O goberno de Vladimir Putin di que eles permitirán de novo a exportación de cereais, desde tres portos ucraínos, cando Ucraína e os seus aliados occidentais cumpran as demandas que Rusia asinou no acordo internacional sobre os cereais.
Novos ataques
Mentres, a guerra tampouco descansa noutros puntos de Ucraína. Un bombardeo ruso no serán deste venres contra a localidade de New York, na castigada rexión de Donetsk, ocasionou polo menos seis civís mortos e outros cinco feridos. Outros catro civís morreron noutros ataques rusos na zona.
Por outro lado, Rusia denunciou que as tropas ucraínas atacaron este sábado coas polémicas bombas de fragmentación un convoi de prensa rusa que circulaba preto de Zaporijia; un xornalista da axencia Novosti morreu e outros tres quedaron feridos.