Publicador de contidos
Publicador de contidos

Oito comunidades, incluídas as illas Canarias, están en alerta polas altas temperaturas

Oito comunidades, incluídas as illas Canarias, están en alerta polas altas temperaturas

A calor intensa trasladouse a Gran Canaria, que está en alerta vermella

O domingo á noite comezará a notarse o alivio térmico 

 

G24.gal 12/08/2023 20:14 Última actualización 12/08/2023 20:46

A terceira vaga de calor deste verán vai remitindo, pero mañá domingo trece provincias seguirán en alerta por temperaturas altas. Entre as máis afectadas figuran Córdoba e Xaén, con aviso laranxa, e Toledo e Madrid, que quedarán preto dos 40 graos. Nas illas Canarias seguirán en alerta vermella e a vaga de calor finalizará a partir da madrugada do luns.

A noite foi extremadamente calorosa nas illas Canarias. Os termómetros non baixaron dos 30 graos en todo o arquipélago. Na localidade de Tasarte, en Gran Canaria, a unha e media da mañá había 42 graos. Cara á mañá foi refrescando, pero en ningún momento baixou dos 35 graos.

Ademais das Canarias, este sábado a Axencia Estatal de Meteoroloxía mantivo a alerta laranxa por temperaturas altas noutras sete comunidades autónomas.

"Hai que aguantar, non queda outra, se non refresca a partir do 15 de agosto, malo".

En Andalucía, Sevilla e Córdoba achegáronse aos 44 graos. Moitos madrileños fuxiron á súa praia particular, o encoro de San Xoán.

"Vimos de Madrid, que está a unha hora, tampouco nos queda lonxe". "Vimos moitas veces, por algo é a praia de Madrid, iso din, non?". "Esta semana que pasamos foi moi forte porque traballamos fóra e moita calor".

O domingo as previsións apuntan a unha baixada das temperaturas, pero trece provincias seguirán en alerta, aínda que os termómetros non superarán a barreira dos 40 graos. 

Mentres, en Montilla, Córdoba, a inspección de trabalo investiga as causas da morte dun home de 58 anos que traballaba na vendima.

Antonio López, da cooperativa La Aurora: "Estaban facendo unha xornada de 5:30 a 11:30 para evitar as horas de máis calor e este señor derrubouse ás nove e media da maña, no que parece un infarto, non un golpe de calor, pero en calquera caso, lamentar a morte".

E na localidade canaria de Fataga, están á espera de coñecer os resultados da autopsia para determinar se a morte dun home de 36 anos, ás portas da súa casa, se debeu a un golpe de calor.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade