OpenAI, propietaria de ChatGPT, rexeita oficialmente a oferta de compra de Elon Musk
Elon Musk, cofundador de OpenAI hai dez anos, lanzou unha oferta de compra por 97.400 millóns esta semana
Musk é un dos inimigos de Sam Altman, cofundador e propietario OpenAI, desde que tivera que abandonar a empresa
.png)
A empresa de intelixencia artificial propietaria de ChatGPT, OpenAI, rexeitou formalmente a oferta de compra de 97.400 millóns de dólares, uns 92.800 millóns de euros, presentada por un grupo de investidores encabezado polo multimillonario Elon Musk.
"OpenAI non está á venda e a xunta rexeitou por unanimidade o último intento do señor Musk de perturbar a súa competencia. Calquera posible reorganización de OpenAI fortalecerá a nosa organización sen fins de lucro e a súa misión de garantir que a intelixencia artificial beneficie a toda a humanidade", comunicou o presidente de OpenAI, Bret Taylor.
Musk, quen foi cofundador de OpenAI hai dez anos, antes de lanzar unha startup de intelixencia artificial competidora, reuniu un grupo de aliados adiñeirados para realizar unha oferta de compra dos activos da organización. O seu avogado, Marc Toberoff, presentou a oferta á xunta directiva de OpenAI.
O director executivo, Sam Altaman, xa rexeitara a oferta de xeito informal o mesmo día en que a lanzou Musk, respondendo con esta frase breve na rede social X: "Non, grazas; pero compraremos Twitter por 9.740 millóns de dólares, se queres".
Musk presentou o ano pasado unha demanda contra OpenAI e Altman alegando que os fundadores da compañía desviáronse da misión orixinal de desenvolver intelixencia artificial para beneficio da humanidade.
Na actualidade, OpenAI segue sendo unha organización sen ánimo de lucro pero inmersa nun proceso de transición cara a un modelo de negocio lucrativo para, segundo a compañía, asegurar o capital necesario co obxectivo de desenvolver modelos de intelixencia artificial mellores.