A Casa Branca aclara que os aranceis impostos á China ascenden ao 145 %
Os EUA suman o anunciado 125% ao 20% que xa estaba vixente antes do plan arancelario de Trump anunciado o pasado día 2
Malia todo, Trump confía en que o seu país e a China acabarán negociando "algo moi beneficioso para ambos os países"
Trump admite que haberá "un custo de transición" polos aranceis, pero que todo "irá ben"

Os aranceis que o presidente de Estados Unidos, Donald Trump, impuxo á China ascenden en total ao 145 %, segundo confirmou a Casa Branca á cadea CNBC.
A Presidencia estadounidense publicou este xoves a emenda que recolle o incremento dos gravames a Pequín ata o 125 % anunciado onte.
Un funcionario confirmou á cadea que este arancel súmase ao do 20 % que existía desde antes de que o republicano iniciase unha guerra comercial con case todos os países do mundo o pasado 2 de abril.
A China é o único país ao que o magnate neoiorquino deixou fóra da tregua de 90 días decretada este mércores mentres prosegue as negociacións cos seus socios comerciais.
Segundo Trump, Pequín mostrou unha "falta de respecto aos mercados". Antes deste último incremento, o xigante asiático xa cargaba cun gravame do 104 % e activara aranceis contra os EUA para igualar esa cifra.
Malia todo, Trump, asegurou este xoves que confía en que o seu país e a China acabarán negociando "algo moi beneficioso para ambos os países" despois de que onte aprobará recruar a súa ofensiva comercial contra o xigante asiático, cuxas importacións soportarán agora aranceis do 145 %.
"Veremos que pasa con China. Encantaríanos chegar a un acordo", explicou Trump ao ser preguntado por xornalistas tras a conclusión dunha reunión do seu Gabinete que estivo aberta á prensa.
"Estamos a reestruturar a situación e seguro que nos levaremos moi ben. Teño un gran respecto polo presidente (chinés) Xi (Jinping). Foi, no fondo, amigo meu desde hai moito tempo. E creo que terminaremos logrando algo moi beneficioso para ambos os países", engadiu
Admite "un custo e problemas de transición"
Trump, admitiu este xoves que haberá un "custo e problemas de transición" pola súa política arancelaria, pero subliñou que ao final "todo irá ben".
"Cremos que estamos en moi boa forma, que o estamos facendo moi ben outra vez. Haberá un custo e problemas de transición, pero ao final será algo marabilloso. (...) Estamos a traballar cunha chea de países e todo irá ben", dixo ao comezo dunha reunión do seu gabinete.
Ese encontro ten lugar ao día seguinte de que Trump decretase unha tregua parcial de 90 días nos aranceis anunciados o pasado 2 de abril para todos os seus socios comerciais excepto para a China, a quen lle elevou os gravames ata o 125 %, o que deixa a porcentaxe total dese país no 145 %.
Estados Unidos está a recadar "aproximadamente 2.000 millóns de dólares ao día. Pensándoo ben, é algo que nunca fixeramos. Algo ao que nin sequera nos achegábamos. E a cifra probablemente sexa de 3.500 millóns de dólares ao día. E iso fai de nós un país moi forte", engadiu.
Este mesmo xoves o Buró de Estatísticas Laborais (BLS) publicou que o Índice de Prezos ao Consumo (IPC) baixou en marzo catro décimas ata o 2,4 % internanual, o que representa unha significativa moderación dos prezos, que en comparación con febreiro baixaron un 0,1 %.
"Non hai inflación. Unha inflación moi escasa", presumiu Trump subliñando que o país "está en moi boa forma".
A imposición de gravames, segundo incidiu, é algo que Washington "debería facer hai moitos anos". "Deixamos que (a situación) se descontrolara e permitimos que algúns países se fixesen moi grandes e ricos á nosa costa, e non podemos permitir que iso suceda. Non é unha fórmula sostible".