Os asolagamentos do Brasil xa acumulan 114 mortos e 146 desaparecidos
Os asolagamentos do Brasil xa acumulan 114 mortos e 146 desaparecidos
As inundacións provocadas polas chuvias en Rio Grande do Sul deixan, polo momento, case dous millóns de persoas damnificadas, 756 feridos e máis de 400.000 desprazados
Desde a semana pasada foron rescatadas preto de 71.000 persoas e 10.000 animais
A traxedia climática causada polas graves inundacións na rexión sur do Brasil agravouse este venres despois de aumentar a 114 mortos, 146 desaparecidos e case 2 millóns de damnificados, segundo o último boletín da Defensa Civil.
A situación máis dramática vívese en Rio Grande do Sul, estado fronteirizo con Arxentina e Uruguai, onde se notificaron polo menos 113 falecidos, 756 feridos e máis de 400.000 desprazados. A outra vítima mortal tivo lugar no veciño estado de Santa Catarina, tamén afectado pola catástrofe, pero en menor grao.
As choivas torrenciais da última semana provocaron unha crecida sen precedentes dos ríos que asolagou de forma total ou parcial decenas de cidades, incluída Porto Alegre, a capital rexional, que aínda hoxe rexistra barrios enteiros asolagados.
O forte dispositivo de salvamento, no que participan policías, bombeiros, militares e voluntarios, está a ter serias dificultades para distribuír a axuda humanitaria, pois os accesos a algunhas localidades desapareceron e decenas de estradas están cortadas.
De acordo cos datos da Defensa Civil, desde a semana pasada, as autoridades brasileiras puideron rescatar preto de 71.000 persoas e 10.000 animais, no que xa é un dos maiores desastres climáticos da historia do Brasil. Ademais, aínda hoxe hai decenas de familias incomunicadas polo elevado nivel da auga que agardan o seu rescate.
A situación pode empeorar nas próximas horas, cando se esperan novos temporais con precipitacións, frío e fortes refachos de vento.
O sistema de saúde pública tamén se viu golpeado, coa maioría das unidades de atención primaria da rexión afectadas polas inundacións, segundo indicaron a EFE fontes de organizacións sanitarias. Igualmente estase tentando reforzar a seguridade, pois houbo casos de saqueos nalgunhas localidades e mesmo agresións sexuais nalgúns albergues que acollen ás decenas de miles de vítimas do desastre.
Doutra banda, estímase que as inundacións impactarán negativamente á economía brasileira, pois Rio Grande do Sul é un importante polo agropecuario, sector fundamental para o crecemento do país. Neste contexto, o Goberno de Rio Grande do Sul estima que necesitará 18.839 millóns de reais (3.400 millóns de euros) para recuperarse das inundacións.
Polo momento, o presidente brasileiro, Luiz Inácio Lula da Silva, anunciou un paquete de axudas de 50.000 millóns de reais (9.034 millóns de euros) para Río Grande do Sul, que inclúe medidas asistenciais directas, créditos subvencionados para empresas e asistencia para produtores rurais, entre outras.