Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os balnearios rexistran en Galicia taxas de ocupación por riba do 80%

Os balnearios rexistran en Galicia taxas de ocupación por riba do 80%

G24.gal 30/10/2021 16:13

Os balnearios están rexistrando boas cifras de ocupación, malia as anulacións de última hora polas previsións de mal tempo. Calculan superar o 80% ao longo da ponte.

Adolfo acaba de chegar ao balneario de Caldas de Partovia. El vén para dez días, a ponte e algo máis: "Eu porque é unha auga medicinal, que é boa para a artrose e para a circulación tamén".

Para Conchita, que vive a poucos quilómetros de aquí, o balneario é unha opción saudable pero tamén de lecer: "Fago chorros e sempre tes a maiores un tratamento como fangos, parafangos, hidromasaxe...".

Os beneficiarios dos programas de termalismo social da Xunta e das deputacións provinciais representan unha porcentaxe importante da clientela, que durante a ponte se completa con outros perfís.

Eva Álvarez, xerente do balneario Caldas de Partovia: "Temos diferentes perfís de clientes, xente nova que vén por relaxación e xente máis maior que vén por algunha patoloxía, ben sexa de pel, reumática ou respiratoria".

Aquí roldan o 85% de ocupación durante esta ponte. Fundamentalmente, turismo de proximidade.

Eva Álvarez, xerente do balneario Caldas de Partovia: "Temos os típicos clientes que viven a carón, nun radio duns 30-40 quilómetros, e outros que veñen doutras comunidades autónomas".

Non hai de momento datos globais de ocupación, pero na provincia de Lugo, por exemplo, tamén confirman un incremento do 10% no perfil turístico.

"Achégame tranquilidade, serenidade... É un momento de relaxación para min", conclúe Conchita.

Unha modalidade turística especialmente atractiva nesta época do ano.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade