Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os cabeza de lista ás europeas fan un chamamento á participación

Os cabeza de lista ás europeas fan un chamamento á participación

Os candidatos das principais listas ao Parlamento Europeo exerceron o seu dereito a voto durante a mañá

G24.gal 09/06/2024 15:02

Coma o resto de dirixentes do seu partido, a cabeza de lista do PSOE, Teresa Ribera, votou coa zurda. Fíxoo en Majadahonda, Madrid. "Seguro que hai moitos máis días para pasear, para gozar, pero achegarse un momento ao colexio electoral que a cada un nos toca é un exercicio dun dereito cívico de primeira orde", díxolle despois aos xornalistas no exterior do seu colexio electoral.

A número un do PP, Dolors Montserrat, exerceu o seu dereito a voto na súa localidade natal, Sant Sadurní, en Cataluña. Pola tarde, viaxa a Madrid para seguir o reconto na sede do seu partido en Xénova. En declaracións á prensa, a popular animou os españois a participar, porque, asegurou, "ir votar só custa 5 segundos, pero logo a decisión é para 5 anos".

Esta é a primeira vez que Sumar presenta papeleta a unhas eleccións europeas. A súa líder, Yolanda Díaz, votou en Madrid. Ante os micrófonos, lembroulle aos cidadáns que "custou moito ter dereito a voto, polo tanto, hoxe é o día da democracia". "Tamén se xoga hoxe a democracia, así que todo o mundo a votar", apuntou Díaz.

Podemos concorre por separado. A súa candidata, Irene Montero, foi ao colexio electoral acompañada da líder do partido, Ione Belarra, e da súa parella, Pablo Iglesias, que no seu momento foi eurodeputado. Para Montero, "Europa está xogando a paz, e o voto é unha forma de expresar as nosas conviccións máis profundas".

O líder de Vox tivo que agardar e facer cola antes de depositar o seu voto nun colexio de Madrid. "É un día importantísimo en que se elixe un parlamento, o europeo, que decide cousas que afectan de maneira directa ás nosas vidas", díxolle Santiago Abascal aos xornalistas á saída.

O candidato de Ciudadanos, Jordi Cañas, tamén fixo un chamamento á participación porque estas "son as únicas eleccións en toda España que cada voto vale igual".

Quen non puido votar foi o cabeza de lista de Junts, por estar fóra de España, fuxido da xustiza. "Xogamos moito", di Toni Comín nun vídeo difundido polo seu partido.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade