Os concellos galegos poderán instaurar unha taxa turística e fixar a súa contía
Os concellos galegos poderán instaurar unha taxa turística e fixar a súa contía
Haberá exencións, como os albergues da rede pública e as estancias por motivos médicos, e a Xunta establecerá un tope máximo
Os concellos farán todas as xestións e o 80 % dos ingresos deste tributo deberán empregarse no fomento e desenvolvemento do turismo sostible
Polo momento, Santiago de Compostela é o único concello en reclamar a taxa
A Lei de Medidas dos Orzamentos da Xunta para 2025 recollerá a habilitación normativa para crear unha taxa turística a través dun tributo ás estancias bonificado ao 100 % a nivel autonómico que os concellos que o desexen poderán gravar, a través dunha ordenanza fiscal. Poderán, por iso, adherirse a esta opción aqueles concellos galegos que o desexen, que serán os encargados de fixar a contía -aínda que se prevé un tope máximo- e de recadar e xestionar todo o tributo.
O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, presentou este venres as liñas básicas desta taxa á alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, xa que esta cidade foi a única que, polo momento, reclamou formalmente esta opción. No encontro tamén estiveron presentes o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, a directora da Axencia Tributaria de Galicia (Atriga), Sonia Lafont, a concelleira compostelá de Turismo, Míriam Louzao, e o edil de Facenda, Manuel César Vila.
Segundo indicou o conselleiro de Facenda, a fórmula elixida é a dun tributo vai ter un "tipo básico" autonómico "completamente bonificado" pola Xunta, dado que a Comunidade "non quere gravar este feito impoñible". A partir de aí, serán os concellos que o desexen os que establezan "no seu termo municipal unha recarga" polas estancias turísticas. A contía fixaraa o propio concello, aínda que Miguel Corgos apuntou que se prevé establecer "uns topes" máximos que "aínda non están concretados".
Para facer esta recarga, os concellos interesados, terán que aprobar unha ordenanza fiscal na que xustifiquen as súas razóns, así como unha análise do impacto e da eficacia. Os municipios tamén serán os responsables da xestión, aplicación, recadación, inspección e potestade sancionadora da recarga, sen intervención da Atriga.
Con iso, os concellos xestionarán ao 100 % este tributo, cuxos ingresos deberán empregarse, nun 80 %, no fomento e desenvolvemento do turismo sostible, dixo Corgos en declaracións aos medios tras o encontro.
O texto ten por agora unhas liñas mestras, pero buscará "perfeccionarse" no trámite parlamentario, apuntou Corgos, quen precisou que, ademais do "esquema básico", a nivel autonómico regularanse "supostos de exención" á aplicación da taxa. En concreto, avanzou, estarían exentas as estancias nos albergues da rede pública do Xacobeo, así como por motivos de saúde, entre outras cuestións aínda abertas.
Santiago, á "vangarda"
A alcaldesa, Goretti Sanmartín, dixo tras o encontro que este "é un bo día, non só para Santiago, se non para Galicia", no que Compostela "sitúase á vangarda, facendo unha proposta" que "finalmente" foi aceptada pola Xunta e que será "o primeiro paso" para que "moitos concellos, con posterioridade" sigan "a estela" da capital galega coa implantación desta taxa.
"O que quero, neste caso, é trasladar o noso orgullo, a nosa satisfacción, porque por fin poida darse a primeira pedra para que sexa unha realidade", dixo Sanmartín, a quen Corgos lle trasladou que a lei de medidas incorporará un imposto de estancias turísticas "ao que poderán acollerse todos os concellos" que o desexen.
Goretti Sanmartín destacou que non ten aínda o texto concreto, que "podería enriquecerse e modificarse" no trámite parlamentario, polo que "é moi cedo" para dar unha data na que este imposto podería estar xa activo. A intención, con todo, é que sexa unha realidade "ao longo do próximo ano".
Unha vez que coñeza os pormenores do texto, o Goberno municipal levará a cabo "reunións internas" para elaborar a ordenanza e para determinar "como facer a xestión e recadación" do imposto, algo no que confiaron en contar co asesoramento da Atriga. Tamén contarán coas achegas do sector.
Sobre esta cuestión, a alcaldesa admitiu que ao goberno local "gustaríalle" que a xestión e recadación deste tributo se fixese "por parte da Atriga", xa que "ten os recursos, os mecanismos e as mellores posibilidades de facelo". "A proposta da Xunta é que sexan os propios concellos os que se encarguen desta xestión e recadación e, non sendo nosa opción preferente, por suposto que nos acollemos a esta posibilidade e aceptámola. Temos que mirar cara adiante", dixo a alcaldesa.
Sobre as contías desta futura taxa, que non pecha a norma da Xunta, a alcaldesa remitiuse ao estudo presentado na materia, no que, dependendo da categoría do establecemento, movíase nunha pinza entre un euro e dous euros e medio.