Os deputados galegos citados no caso Mediador anuncian accións legais para defender a súa honra
Os deputados galegos citados no caso Mediador anuncian accións legais para defender a súa honra
Tres parlamentarios avisan de que "á vista dos rumores difundidos" emprenderán "as accións legais pertinentes" para defender a súa honra e dignidade "inxustamente danadas"
O deputado do PSOE no Congreso por Pontevedra Guillermo Meijón asegurou que nunca participou "en comidas ou ceas en que puidese estar presente a menor sombra ou sospeita de corrupción" e avanzou que emprenderá accións legais para defender a súa honra.
Así se pronunciou despois de que, nunha entrevista cun diario dixital, Marco Antonio Navarro Tacoronte -o intermediario no caso Mediador- citara o seu nome e o das deputadas galegas Uxía Tizón e Ana Prieto como participantes nunha cea organizada nun restaurante madrileño en outubro do 2020.
Os tres parlamentarios publicaron este xoves no seu perfil da rede social Twitter unha mesma mensaxe en que avisan de que "á vista dos rumores difundidos" emprenderán "as accións legais pertinentes" para defender a súa honra e dignidade "inxustamente danadas".
A la vista de los rumores difundidos, emprenderé las acciones legales pertinentes para defender mi honor y mi dignidad injustamente dañadas.
— Guillermo Meijón (@guillermomeijon) March 2, 2023
Ademais, Meijón deixou claro que nunca na súa vida política participou "en ningún acto que poida ter a consideración de reprochable nin legal, nin moral, nin eticamente".
Así, sostén que as únicas ceas ás que foi foron as mantidas xunto aos seus compañeiros e compañeiras, como así o fixeron "ao longo da lexislatura". "E ningunha baixo as premisas das que se fala nalgunhas informacións que están a saír", incide.
Por iso, asegura que se reserva emprender as accións legais pertinentes para defender a súa honra e a súa dignidade "inxustamente danadas".
Precisamente, na xornada do mércores, a dirección do grupo parlamentario socialista no Congreso enviou unha mensaxe a todos os seus deputados en que asegurou que van defender a dignidade e honorabilidade dos parlamentarios que están a ser sinalados polo caso Mediador de forma "inxusta e intencionada".