Os escolares fanse oír no Parlamento nun foro de participación infantil de Unicef
Os escolares fanse oír no Parlamento nun foro de participación infantil de Unicef
Chegaron de 12 concellos para expoñer propostas sobre saúde mental, medio ambiente ou pobreza
No acto anunciouse que Galicia terá un Consello autonómico de participación infantil
Pequenos deputados con grandes ideas tomaron este martes o Parlamento para facerse oír. De Moeche a Moaña, pasando por Viveiro ou Ponteareas, chegan dos 12 concellos galegos onde hai consellos locais de infancia para que os escoite toda Galicia.
"Queremos transmitir que a saúde mental dos adolescentes e os nenos é algo moi importante que debería preocupar a toda a sociedade", explica Eva, de Viveiro.
"Un de cada tres nenos está en situación de pobreza e pedimos ás autoridades que busquen unha solución urxente e áxil", engade Sabela, de Ponteareas.
"Que non só se nos escoite nos nosos concellos, senón tamén en toda Galicia. Para facer propostas que nos podan conceder" pide Esteban, de Castrelo de Miño.
Tomaron a palabra para expoñer as súas reivindicacións pero tamén para achegar solucións. E fixérono nun ton dialogante e construtivo nun foro organizado por Unicef para darlles voz e celebrar o Día Mundial da Infancia.
Xoana, do concello de Cabanas, propón "unha materia de educación emocional, como as matemáticas, se estamos motivadas aprenderemos mellor".
"Canto máis amable sexas mellor flúe todo, cun bo ambiente de traballo xorden as ideas", engade Bea, de Moaña.
Os políticos prometeron tomar nota das propostas e do talante destes mozos. De feito no acto anunciouse que pronto haberá un consello de participación infantil a nivel autonómico, para que a rapazada conte na toma de decisións e no deseño de políticas públicas.