Publicador de contidos

Publicador de contidos

Rusia e os EUA acordan o desxeo das súas relacións e buscar a paz en Ucraína

Rusia e os EUA acordan o desxeo das súas relacións e buscar a paz en Ucraína

As dúas potencias constatan un achegamento, respectando os intereses mutuos, e nomearán embaixadores, aínda que polo momento non poñen data para un cumio entre Putin e Trump

As súas posicións sobre Ucraína aínda están "lonxe", pero queren comezar a traballar nun plan para pórlle fin á guerra o "antes posible"

Marco Rubio e Serguéi Lavrov mantiveron en Riad a primeira reunión a alto nivel entre as dúas potencias desde 2022

Putin di que está disposto a negociar con Zelenski, aínda que dubide da súa lexitimidade

Marco Rubio e Sergei Lavrov, reunidos este martes en Riad (Reuters/Evelyn Hockstein) Marco Rubio e Sergei Lavrov, reunidos este martes en Riad (Reuters/Evelyn Hockstein)
G24.gal 18/02/2025 09:47 Última actualización 18/02/2025 16:08

Rusia e os Estados Unidos abriron este martes un novo capítulo nas súas relacións diplomáticas e as dúas potencias constataron un achegamento de posturas, que iniciaron co dexeo escenificado en Riad, capital de Arabia Saudita. 

Alí as dúas delegacións, encabezadas por Sergéi Lavrov, ministro de Esteriores ruso, e Marco Rubio, secretario de Estado dos EUAacordaron respectar mutuamente os seus intereses, segundo dixo Yuri Ushakov, asesor do Kremlin, a medios rusos.

As dúas potencias acordaron normalizar as súas relacións, e pactaron "poñer as bases para a cooperación futura en asuntos de interese xeopolítico mutuo", afirmou nun comunicado a voceira do departamento de Estado dos EUA, Tammy Bruce.

Ao termo das conversas Ushakov explicou que aínda se necesita un traballo "intenso" para organizar unha reunión entre os presidentes ruso, Vladímir Putin, e estadounidense, Donald Trump, polo que cre "improbable" que se produza a próxima semana como anunciaran algúns medios.

"Estamos listos, pero aínda é difícil falar dunha data concreta para un encontro entre os dous líderes", sinalou. "Traballaremos co fin de crear as condicións para o devandito encontro".

O que é máis inmediato é restablecer as relacións diplomáticas comezando por nomear embaixadores. Foi o propio Lavrov quen aclarou este punto, cando aludiu a analizar as vías para levantar "as barreiras artificiais" nas relacións diplomáticas.

"O primeiro e máis urxente acordo" alcanzado durante a reunión foi a de "garantir a pronta designación de embaixadores", dixo o ministro ruso de Exteriores, nunha conferencia de prensa tras as negociacións.

O obxectivo destas negociacións, explicou, é "poñer fin, dunha vez por todas, a estas dificultades que realmente entorpecen o desenvolvemento normal das nosas relacións".

Poñer fin ao conflito en Ucraína

As dúas delegacións non iniciaron aínda negociacións sobre Ucraína, pero acordaron comezar a traballar nun plan para pórlle fin á guerra "o antes posible", sinalaron as fontes norteamericanas.

"Imos designar un equipo de alto nivel da nosa parte para axudar a negociar e levar a cabo o traballo ata o final do conflito en Ucraína dunha maneira que sexa duradeira e aceptable para todas as partes involucradas", dixo o propio Marco Rubio en declaracións desde Riad ao termo das reunións.

Pola parte rusa destacaron que ambos expuxeron as súas posturas e acordaron que os seus equipos negociadores entrarán en contacto "ao seu debido tempo".

"Os americanos deben nomear os seus representantes e, entón, nós nomearemos os nosos. Despois, seguramente, empezará o traballo", sinalou.

Os xefes das diplomacias dos Estados Unidos, Marco Rubio, e Rusia, Serguéi Lavrov, iniciaran este martes en Riad a primeira reunión a alto nivel entre os seus países desde hai máis de tres anos.

A delegación estadounidense estaba integrada por Rubio, o enviado especial dos EUA para Oriente Medio, Steve Witkoff, e o asesor de Seguridade Nacional da Casa Branca, Mike Waltz, mentres que Lavrov está acompañado do asesor de Putin para Asuntos Internacionais, Yuri Ushakov.

Trátase do primeiro encontro "cara a cara" entre un ministro de Exteriores ruso e un secretario de Estado dos EUA desde a que Lavrov mantivo co seu homólogo estadounidense Antony Blinken en xaneiro de 2022, un mes antes do inicio da guerra en Ucraína.

O inicio das negociacións entre Washignton e Moscova prodúcese un día antes dunha visita que o presidente ucraíno, Volodímir Zelenski, ten previsto realizar mañá, mércores, a Arabia Saudita, no contexto dunha xira que iniciou o luns en Emiratos Árabes Unidos, e que o levou hoxe tamén a Turquía.

Zelenski pide "garantías" dos EUA, a UE e Turquía para posible acordo de paz

Precisamente desde Ankara, momentos antes da súa reunión co seu homólogo turco, Recep Tayyip Erdogan, Zelenski avanzou que pedirá "garantías de seguridade" dos Estados Unidos, a Unión Europea e Turquía para calquera acordo de paz que se alcance con Rusia.

Volodimir Zelenski con Recep Tayyip Erdoğan (Murat Kula/Turkish Presidential Press Office/Vía Reuters) Volodimir Zelenski con Recep Tayyip Erdoğan (Murat Kula/Turkish Presidential Press Office/Vía Reuters)

"Como país, queremos paz, queremos que a guerra termine. Pero queremos que a fin da guerra se basee en certas garantías de seguridade", dixo Zelenski nunha entrevista coa axencia turca Anadolu.

"Esperamos que estas garantías de seguridade as ofrezan os Estados Unidos, a Unión Europea, Turquía e toda Europa", especificou o mandatario ucraíno, cuxa reunión con Erdogan era simultánea ao comezo das negociacións dos Estados Unidos con Rusia en Riad.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade