Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Pentágono detecta outro globo espía chinés que sobrevoa América Latina

O Pentágono detecta outro globo espía chinés que sobrevoa América Latina

G24.gal 04/02/2023 08:23 Última actualización 04/02/2023 14:31

Os Estados Unidos detectaron outro "globo espía" da China que, segundo informou o Pentágono, está a sobrevoar América Latina.

"Estamos a ver información dun globo que está a sobrevoar América Latina. Avaliamos agora que se trata doutro globo de vixilancia chinés", dixo nunha declaración enviada á prensa o portavoz do Pentágono, o xeneral de brigada Patrick Ryder.

O diario La Nación de Costa Rica acababa de publicar un artigo sobre un obxecto voador branco, que parecía un globo aerostático, avistado sobre o país.

Consultado pola cadea CNN, un alto funcionario do Pentágono dixo que o globo avistado non semellaba estar a dirixirse cara aos Estados Unidos.

O segundo globo de vixilancia chinés foi avistado en Costa Rica. No Pentágono din que este non parece ir cara aos Estados Unidos. Pequín nin confirma nin desmente nada sobre o novo artefacto.

Primeiro globo espía

O Pentágono anunciou o xoves que estaba a seguir os movementos dun "globo espía" chinés que sobrevoaba o estado de Montana (nordés dos EUA), onde se atopa un dos tres campos de silos de mísiles nucleares existentes en territorio estadounidense.

Os outros dous campos de silos atómicos sitúanse en dous estados limítrofes con Montana: Dakota do Norte (ao leste) e Wyoming (ao sur).

Segundo explicou o Pentágono, o globo trasladouse nas últimas horas en dirección leste e atópase agora no centro do país, a uns 60.000 pés da superficie (18.288 metros).

Namentres, a cúpula do Departamento de Defensa recomendoulle de xeito firme ao presidente, Joe Biden, que non adopte ningunha acción contra o aparello por motivos de seguridade, xa que poderían caer os restos sobre a poboación.

Crise diplomática

A presenza dese "globo espía" chinés no espazo aéreo estadounidense desencadeou unha crise diplomática entre Washington e Pequín e motivou a suspensión da viaxe que o secretario de Estado, Antony Blinken, tiña previsto facer ao país asiático.

Pola súa banda, Pequín admitiu este venres que o globo lle pertence, aínda que asegurou que "é un dirixible civil utilizado con fins de investigación, principalmente meteorolóxicos". O director da Oficina de Asuntos Exteriores da China, Wang Yi, pediulle aos EUA que manteña a calma.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade