Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os EUA din ter probas de que a China estuda enviar armas a Rusia

Os EUA din ter probas de que a China estuda enviar armas a Rusia

Antony Blinken alerta das consecuencias que implicaría para as relacións bilaterais

Tensión no primeiro encontro entre Washington e Pequín tras a crise dos globos espía

G24.gal 19/02/2023 17:27 Última actualización 19/02/2023 19:28

O secretario de Estado dos EUA, Antony Blinken, asegura ter probas de que a China estuda enviar armas a Rusia para a súa guerra contra Ucraína e alerta das consecuencias que implicaría para as relacións bilaterais.

"Na China realmente non hai distinción entre empresas privadas e o Estado. Ata o de agora vimos que proporcionan apoio non letal a Rusia para o seu uso en Ucraína. A nosa preocupación agora é que consideran brindarlle apoio letal, segundo a información que temos".

Blinken pronunciouse no programa Face the Nation, da cadea CBS, mentres participaba na Conferencia de Seguridade de Múnic, que concluíu este domingo. Por apoio letal, precisou, refírese a armas e munición, pero principalmente a armas.

O xefe da diplomacia estadounidense fixo referencia á conversa que mantiveron o presidente chinés, Xi Jinping, e o ruso, Vladimir Putin, semanas antes do inicio da invasión, o 24 de febreiro do ano pasado.

"Tiveron unha reunión na que falaron sobre unha asociación sen límites. E preocupábanos que entre esa falta de límites estivese o apoio chinés a Rusia na guerra".

Na xuntanza que mantivo este sábado co director da Oficina da Comisión de Asuntos Exteriores do Partido Comunista de China, Wang Yi, na cidade alemá, Blinken advertiuno dos problemas que carrearía esa posibilidade.

"Deixámoslles moi claro que (a entrega de apoio letal) supoñería un serio problema para nós e para a nosa relación", engadiu.

Crimes contra a humanidade

Tamén na Conferencia de Seguridade, a vicepresidenta estadounidense, Kamala Harris, acusou a Rusia de cometer en Ucraína actos "bárbaros e inhumanos" que, segundo dixo, constitúen crimes contra a humanidade.

"Coma sempre, avaliaremos todas as posibilidades legais en materia de perseguir as atrocidades que Rusia está a perpetrar en Ucraína", concluíu Blinken.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade