Os EUA e a UE acordan negociar sobre vehículos eléctricos e subsidios verdes
Os EUA e a UE acordan negociar sobre vehículos eléctricos e subsidios verdes
Ambas as dúas potencias van pechar un acordo comercial para favorecer as empresas europeas de coches enchufables
Os EUA e a Unión Europea acordaron este venres empezar a negociar un pacto comercial sobre minerais para favorecer as empresas europeas que fabrican vehículos eléctricos e establecer un "diálogo transparente" sobre os subsidios para as enerxías verdes.
Anunciouno a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, tras reunirse no despacho oval da Casa Branca co mandatario estadounidense, Joe Biden.
Segundo manifestou, lograron rebaixar as tensións que marcaron a relación transatlántica nos últimos meses tras a aprobación nos EUA da chamada Lei de redución da Inflación, que inclúe un paquete de axudas de 350.000 millóns de euros para favorecer a transición enerxética.
O texto legal tamén ofrece incentivos fiscais ás empresas que fabriquen vehículos eléctricos con compoñentes elaborados en América do Norte, incluídos México e o Canadá, cos que Washington ten tratados de libre comercio. Non é o caso das empresas europeas, que quedan á marxe das axudas.
Agora, os EUA e a UE queren solucionar este asunto. A idea, segundo a representante comunitaria, é que poidan acceder aos subsidios estadounidenses aqueles vehículos eléctricos fabricados cunha cantidade determinada de minerais extraídos ou procesados en Europa.
O acordo tamén permitirá a ambas as dúas partes mellorar o acceso a eses minerais e materias primas, controlados case na súa totalidade pola China.
Ademais, acordaron establecer un "diálogo transparente" sobre os subsidios que ambas as dúas economías están a ofrecerlle á industria das enerxías verdes.