Os EUA sancionan 16 funcionarios venezolanos, incluída a presidenta do Supremo
Os EUA sancionan 16 funcionarios venezolanos, incluída a presidenta do Supremo
O Goberno estadounidense anuncia para sancións financeiras para eles por impedir "un proceso electoral transparente" e prohíbelles a entrada ao país
Venezuela cualifica as sancións dos EUA como un "novo crime de agresión" ao "impoñer "medidas coercitivas unilaterais, ilexítimas e ilegais"
Os Estados Unidos sancionaron 16 funcionarios venezolanos este xoves, entre eles membros do Consello Nacional Electoral (CNE), o Tribunal Supremo de Xustiza e a Asemblea Nacional, por proclamaren "falsamente" a vitoria de Nicolás Maduro nas eleccións presidenciais do 28 de xullo.
Entre os sancionados figuran a presidenta do Tribunal Supremo Caryslia Rodríguez, o secretario xeral do CNE Antonio José Meneses e o vicepresidente da Asemblea Nacional Pedro Infante Aparicio.
"En lugar de respectar a vontade do pobo venezolano expresada nas urnas, Maduro e os seus representantes proclamaron falsamente a súa vitoria mentres reprimen e intimidan a oposición democrática nun intento ilexítimo de aferrarse ao poder", declarou o secretario de Estado, Antony Blinken, nun comunicado.
En total, o Departamento do Tesouro anunciou sancións financeiras a 16 persoas "afíns a Maduro", incluídos membros do Consello Nacional Electoral, o Tribunal Supremo de Xustiza e a Asemblea Nacional, a quen acusan de impedir "un proceso electoral transparente e a publicación de resultados electorais precisos".
Baixo estas sancións, quedan bloqueadas todas as súas propiedades e activos nos Estados Unidos e prohíbeselles realizar transaccións financeiras.
O Tesouro afirma que Caryslia Rodríguez, en tanto que presidenta do alto tribunal, certificou a "afirmación infundada de que Maduro gañara as eleccións a pesar das acusacións ben fundadas de fraude electoral xeneralizada".
Tamén sancionou os maxistrados Fanny Beatriz Márquez, Inocencio Figueroa, Malaquías Gil Rodríguez e Juan Carlos Hidalgo e mais o fiscal Luis Ernesto Duéñez, quen emitiu a solicitude de arresto contra o candidato presidencial opositor Edmundo González, ao que Estados Unidos considera como o gañador das eleccións.
Ademais, designou a Rosalba Gil Pacheco, do CNE, por "obstruír a democracia," e o secretario xeral en funcións do ente electoral, Antonio José Meneses, por introducir "irregularidades no rexistro electoral".
Destacan tamén na lista de sancionados o comandante das Forzas Armadas Domingo Hernández e o comandante da Garda Nacional Bolivariana Elio Estrada, acusados de reprimiren á poboación venezolana.
Paralelamente, o Departamento de Estado prohibiu a entrada ao país de "funcionarios aliñados con Maduro que socavaron o proceso electoral en Venezuela e que son responsables dos actos de represión".
Coas medidas anunciadas, ata a data hai máis de 140 funcionarios venezolanos sancionados polo Tesouro estadounidense e preto de 2.000 persoas están suxeitas a restricións de visado por parte do Departamento de Estado estadounidense.
Nunha chamada con xornalistas, altos funcionarios da Administración de Joe Biden dixeron que seguirán "supervisando de preto" a situación en Venezuela para avaliar se é necesario impoñer novas sancións, aínda que non revelaron se pensan impoñer novas restricións ao petróleo do país caribeño.
"Os Estados Unidos seguirán promovendo a rendición de contas por parte de quen socava a democracia en Venezuela", advertiu Blinken.
Venezuela cualifica as sancións dos EUA como un "novo crime de agresión"
Nun comunicado, o Executivo venezolano rexeitou, nos "termos máis enérxicos", este "novo crime de agresión cometido polo Goberno dos Estados Unidos de América en contra de Venezuela, ao impoñer medidas coercitivas unilaterais, ilexítimas e ilegais a un grupo de funcionarios de Estado".
O CNE proclamou a reelección de Maduro nas eleccións do 28 de xullo sen publicar as actas de votación, pero a oposición reivindica a vitoria do seu candidato presidencial Edmundo González Urrutia, quen se exiliou recentemente en España.
As fontes estadounidenses sosteñen que Edmundo González "segue sendo unha voz indiscutible para a paz e o cambio democrático en Venezuela".