Os factores ambientais teñen máis peso ca a xenética na calidade de vida das persoas maiores
Os factores ambientais teñen máis peso ca a xenética na calidade de vida das persoas maiores
O investigador e experto internacional en xenética, o galego Anxo Carracedo, asegura que as persoas centenarias "o que teñen en común é que gozan dunha vida saudable"
Cando falamos da vellez e de cumprir anos, nin todo está nos xenes nin todo está nos factores ambientais que condicionan a vida de cada quen.
O investigador e experto internacional en xenética, o galego Anxo Carracedo, fala dun "75 % ambiente e 25 % xenes. Unha boa xenética, que sempre é algo herdado, sempre é boa cousa, pero é moito máis importante todo o demais", sentencia.
E todo o demais é o que se dá por chamar o envellecemento activo. Para a Organización Mundial da Saúde implica a procura dun benestar físico, mental e tamén social, é dicir, a participación e relación cos demais. É o que máis demandan os propios maiores.
Convidado pola Cruz Vermella, o doutor Carracedo puxo en valor na Coruña proxectos como o que se está a desenvolver en Ourense e que trata de desvelar os segredos das persoas centenarias de Galicia.
"O que teñen en común é que gozan dunha vida saudable. Fan actividade física, fan moita socialización, teñen unha vida tranquila e unha alimentación saudable ou dormen ben", explica o investigador.
Porque do que se trata, di, é de sumar vida aos anos e non ao revés.