Os futbolistas do Lugo valoran positivamente o empate en Tenerife
Os futbolistas do Lugo valoran positivamente o empate en Tenerife
Logo do empate do conxunto da Muralla no Heliodoro Rdguez López, o Galicia en Goles conversou cos xogadores lucenses
O penalti anotado por Carrillo na recta final do encontro permitiulle ao Club Deportivo Lugo sumar unha xornada máis sen perder. Precisamente o autor do tanto alvibermello, xunto ao cancerbeiro Óscar Whalley, atenderon á Radio Galega, desprazada ata Tenerife, para avaliar o resultado. O meta maño quixo ser positivo.
"Fixemos moi bo partido. Un erro condenounos a estar por debaixo no marcador. Seguiamos ao noso e sabiamos que teríamos as nosas ocasións. Tivemos varias aínda que eles tamén algunha, Creo que é un resultado xusto. Fastidia o gol porque é un saque de banda noso"
Pola súa banda Carrillo quixo destacar o nivel que está amosando o conxunto da Muralla
"Contento polo traballo feito. É un rival que está arriba e puxemos perigo ata o final. Puidemos levarnos máis. Estivemos atrevidos, tivemos bo control de xogo, xeramos ocasións. Non estivemos acertados pero as ocasións tivémolas. Unha pena que a última xogada non entrase"