Publicador de contidos
Publicador de contidos

Sondaxe: os laboristas logran a maioría absoluta, os conservadores sacan o peor resultado da súa historia

Sondaxe: os laboristas logran a maioría absoluta, os conservadores sacan o peor resultado da súa historia

Se se confirman as sondaxes a pé de urna, Starmer converterase este venres no primeiro ministro británico tras 14 anos de Goberno conservador, cunha cómoda maioría, de 410 deputados (dos 650 da Cámara dos Comúns)

O Partido Conservador do primeiro ministro Rishi Sunak sofre a peor derrota da súa historia ao quedar con 131 asentos

Reuters Reuters
G24.gal 04/07/2024 23:30 Última actualización 04/07/2024 23:43

O Partido Laborista británico de Keir Starmer gañou por unha folgada maioría absoluta as eleccións deste xoves no Reino Unido ao obter 410 escanos dos 650 que ten a Cámara dos Comúns, segundo unha sondaxe a pé de urna divulgada polas televisións do país.

O Partido Conservador do primeiro ministro Rishi Sunak sufriu a peor derrota da súa historia, ao quedar con 131 asentos, de acordo con a enquisa realizada por Ipsos para as canles BBC News, ITV e Sky News.

A sondaxe, que extrapola as respostas ofrecidas polos votantes ao saír dunha selección de colexios electorais, dá 61 escanos ao Partido Liberal Demócrata e 13 ao populista de dereitas Reform UK, que entraría por primeira vez no Parlamento nunhas eleccións.

O avance laborista desbancaría en Escocia os independentistas do Partido Nacional Escocés (SNP), que rexistran nesta enquisa só dez escanos dos 43 que tiñan na última lexislatura.

Segundo os datos difundidos, o Partido Verde obterá dous asentos nos Comúns, catro os nacionalistas galeses de Plaid Cymru e 19 irían para outros candidatos independentes ou de formacións aínda máis minoritarias.

Se se confirman estes resultados, Starmer converterase o venres no primeiro ministro británico tras 14 anos de Goberno conservador, cunha cómoda maioría que, con todo, quedará algo por baixo da histórica de Tony Blair en 1997, cando os laboristas obtiveron 418 escanos.

Sunak estará baixo presión para dimitir tras o peor resultado rexistrado polo seu partido, aínda que podería manterse no posto un tempo para asegurar unha sucesión ordenada.

Nas próximas horas irase anunciando o resultado do reconto en cada unha das 650 circunscricións electorais do Reino Unido, onde os votantes elixen un só deputado de calquera formación, conforme ao sistema electoral maioritario uninominal.

Os últimos resultados coñeceranse o venres pola mañá, cando se producirá o cambio de Goberno. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade