Os ladróns cébanse coas máquinas expendedoras na comarca de Bergantiños
Os ladróns cébanse coas máquinas expendedoras na comarca de Bergantiños
Varios negocios de Ponteceso e de Carballo valoran desfacerse das máquinas por impotencia
Un empresario leva gastados uns 8.000 euros, tras sufrir catro roubos en dous locais
Os donos dos establecementos poñen mensaxes cargadas de carraxe dirixida aos amigos do alleo.
"Polo menos saco de riba a rabia que teño e a impotencia de non poder facer nada", laméntase Pilar Río, de Piruleta.
Farta, porque é o terceiro roubo na máquina de autoservizo que ten no exterior do local.
"Esta vez foi con máis estrago. Da outra vez, rompéranme o cristal e desta romperon a estrutura toda da máquina e a electrónica", engade.
Mesma sensación noutro local situado a poucos metros. Catro roubos nas máquinas en cinco meses, tres no negocio de Carballo e este último no de Ponteceso.
"Veñen coas patas de cabra, pinzan dun lado e do outro, rebentan a reixa e despois póñense coa máquina e dálles igual todo. Sen contar co efectivo que non subtraen, as avarías son moi cuantiosas. Por exemplo, un billeteiro anda arredor dos mil euros de custo, e unha porta, segundo como fagan o estrago, pode andar polos 2.000 euros. Temos que deixar de funcionar con elas porque así é imposible. É inviable", explica Emilio Cambre, de A Bordo.
Pouco botín para moito estrago. As perdas suman miles de euros e, á vista dos resultados, de pouco vale o investimento en reforzar a seguridade.
"Puxemos reforzos pero a verdade é que estou moi desanimado co tema porque vemos que isto non para. Aquí mesmo a temos detrás da reixa e estabamos un pouco máis tranquilos pero dálles igual, reixa ca sen reixa", lamenta Cambre.
"Estaba só a máquina e púxenlle esta porta de aceiro inoxidable por diante a ver se tentamos que non nos rouben. Rompéronme o que foi a porta e o 'bombín' para acceder aos billeteiros e moedeiros que ten pola parte de atrás", coincide José Ramón Liste, de RíoMar.
Sospeitan que é un grupo organizado, pero, segundo algunha testemuña, actúan un por un, nalgunhas ocasións usando coches roubados para non deixar rastro. A Garda Civil ten en marcha unha investigación de momento, sen froitos.