Os mariñeiros saíron ao mar cos súas embarcacións en ringleira para salvar o seu medio de vida
Os mariñeiros saíron ao mar cos súas embarcacións en ringleira para salvar o seu medio de vida
O 1 de decembro, case vinte días despois do inicio da traxedia, unha gran mancha de 11.000 toneladas de fuel chegaba a Aguiño. Estaba xa ás portas das Rías Baixas. Os mariñeiros da illa de Arousa comezaron a organizarse para frear o avance do petróleo.
Fronte á marea negra, os mariñeiros da Illa de Arousa, e despois do Grove, de Cambados, de Vilanova, saíron ao mar.
"As galletas non son galletas, son manchas enormes que non acaban de avistarse. E ves sesenta ou setenta planadoras a recoller esas manchas coas mans, con palas, cos poucos medios que tiñamos todos nese momento, que non sabías como sacalas. Non tiñamos nin máscaras e tapabamos a boca coa roupa. E o fundamental aquí foron as embarcacións bateeiras que cos seus guindastres colllían a gran parte, o gordo do chapapote. E despois as planadoras collían as partes pequenas", conta a TVG Juan José Rial, o patrón maior da Illa de Arousa.
"Iso en Cambados tamén pasou. Ademais de ir cos nosos barcos, eu fun cun barco bateeiro a coller todo o que ían recollendo os mariscadores da ría de Arousa. A min tocoume ir porque outros non estaban acostumados a saír fóra", engade Ruperto Costa, o patrón maior en funcións da confraría de Cambados.
"O que máis me emociona é cando chegabas a terra. Parecía que foras un heroe. E non eras un heroe. Estabas defendendo o teu modo de vida", dinos Juan José Rial, patrón maior da Illa de Arousa.
"Estaba ao que estaba. Non esperaba que isto tivera a repercusión mediática nin política que tivo. Eu tiña un deber co meu oficio, e co meu medio de vida. Eu fun sen miramentos a botar unha man", explica Ruperto Costa, o patrón maior en funcións da confraría de Cambados.
O 12 de decembro o petróleo chegou ás rías de Pontevedra e Vigo, o chapapote ás praias de Sanxenxo e O Grove. O 15 de decembro as manchas tinguían o sueste de Cabo Silleiro. O petróleo contaminaba xa de Ortigueira a Baiona.