Os trastornos mentais na adolescencia cuadruplicáronse dende a pandemia
Os trastornos mentais na adolescencia cuadruplicáronse dende a pandemia
Entre un 15 e un 25 % de menores teñen depresión, ansiedade ou algún outro trastorno
A Asociación Española de Pediatría urxe un plan de prevención para a mocidade
Os pediatras constatan que os casos de nenos con autolesións, como cortes na pel ou golpes, e as condutas suicidas, que ven na consulta son cada vez máis frecuentes. Consideran que a incidencia dos trastornos mentais, emocionais e do comportamento, entre os 10 e os 18 anos é preocupante.
"Dende a pandemia cuadruplicáronse a depresión, ansiedade, intentos de suicidio, autolesións. Estamos ante unha auténtica pandemia de trastornos mentais na infancia e, sobre todo, na adolescencia (...) Estamos vendo unha cantidade de patoloxías mentais en adolescentes e estamos moi preocupados co que se nos pode vir enriba no futuro, porque probablemente o final non rematou", di Pedro Javier Rodríguez, presidente da Sociedade de Psiquiatría Infantil da AEP.
Entre un 15 e un 25 % dos adolescentes teñen algún trastorno mental segundo a Asociación Española de Pediatría. Os expertos urxen un plan de prevención e melloras nos recursos asistenciais para unha pronta detección.
"É moi importante unha detección precoz a través dos profesionais, que son a porta de entrada da atención primaria. É moi importante que os pediatras dispoñan das ferramentas para o diagnóstico e poder facer as intervencións requiridas en cada caso", apunta Pedro Javier Rodríguez.
Di o presidente da Sociedade Española de Psiquiatría Infantil que hai sinais que as familias non deben pasar por alto.
"Cambios no rendemento escolar, nos patróns do sono, irritabilidade, condutas oposicionistas, todo isto pódenos levar a pensar que estamos diante dunha enfermidade mental".