Os pediatras piden calma ante o gromo de hepatite infantil de orixe descoñecida
Os pediatras piden calma ante o gromo de hepatite infantil de orixe descoñecida
Sanidade notificou 46 casos e dúas mortes por complicacións despois dun transplante de fígado
Os pediatras destacan que a incidencia de casos e transplantes é similar á de anos previos
O adenovirus é o principal sospeitoso da orixe da infección
As dúas mortes por hepatite infantil de orixe descoñecida producíronse despois de que os cativos non superaran o transplante de fígado. Trátase dun neno de Murcia, o mes pasado, e dun bebé de 16 meses en Andalucía en xuño. A terceira transplantada, unha pequena aragonesa, evoluciona favorablemente. Malia a alarma, os expertos piden calma xa que a incidencia da enfermidade é similar á de anos previos.
"Son case cincuenta casos en España e tres precisaron transplante, pero estes números non supoñen un aumento disparado de casos en relación co que ocorre cada ano coas hepatites infantís agudas", explica o pediatra Quique Bassat.
"A cuestión é saber o motivo, e se esta hepatite ten que ver coas que coñecemos. Polo momento non é ningunha das que coñecemos, desde a A ata a E, non é ningunha desas", aclara Fernando Alvez González, pediatra especialista en infectoloxía.
Mentres, continúa a investigación sobre a orixe da doenza detectada en 46 nenos en España, 5 en Galicia. Xa descartaron os virus clásicos da hepatite e tamén o coronavirus. O principal sospeitoso agora é o adenovirus.
"Hai que investigar o motivo polo que o adenovirus dana o fígado, é o que se está a investigar, e tamén se está a facer de intermediario para que actúe outro virus distinto", explica o pediatra Álvez.
A enfermidade rexistrouse en 507 cativos de 21 países europeos. Como non se sabe a orixe, non se pode previr, pero si convén estar vixiantes ante síntomas como abatemento, febre, vómitos ou ictericia.