Os perigos de substituír o leite por bebidas vexetais: pode provocar deficiencia de iodo e arritmias cardíacas
Os perigos de substituír o leite por bebidas vexetais: pode provocar deficiencia de iodo e arritmias cardíacas
Os perigos de substituír o leite por bebidas vexetais: pode provocar deficiencia de iodo e arritmias cardíacas
O leite é unha gran fonte de iodo
Substituílo por outras alternativas vexetais pode supoñer problemas de saúde importantes
"Agora hai un snobismo tremendo arredor do leite. A xente que non é alérxica nin intolerante tamén busca alternativas ao leite de vaca, que é a de toda a vida e está moi ben, porque ademais ten moita achega de calcio", comenta unha señora.
De calcio e tamén de iodo.
"Si, o leite é unha das fontes máis importantes de iodo. O leite, os ovos e o peixe, sobre todo o azul e o sal iodado. O que está ocorrendo é que cada vez consumimos menos destes produtos, e entre eles o leite, porque se acaba substituíndo debido á publicidade e ao márketing das bebidas vexetais, por bebidas vexetais", explica Manuel Viso, médico.
As bebidas vexetais de améndoas, avea, coco ou arroz están de moda, pero o seu consumo como substituto do leite pode provocar deficiencia de iodo no noso organismo, e así o está advertindo a OMS. A falta de iodo deriva en bocio, que en Galicia é endémico, ou en hipertiroidismo, pero os problemas poden ser maiores.
"A partir de aí altérase o noso metabolismo, pode producir arritmias cardíacas, incluso podemos ter máis infeccións, tanto víricas, fúnxicas como bacterianas", continúa o doutor.
A falta de iodo complícase no caso das mulleres, sobre todo durante o embarazo e a lactación.
"Xa mo dixeron no hospital, mentres dure a lactancia materna estar cunha pastilla de iodo", comenta unha rapaza.
"Unha das funcións máis importantes que ten o iodo no feto é o desenvolvemento do seu cerebro. Deficiencias de iodo pódense asociar incluso a atraso mental nos nenos ou incluso alteracións neurolóxicas, como alteracións da concentración, da memoria", informa Manuel Viso.
"Dende logo eu non a podo tomar pola intolerancia, pero recoméndolle a todo o mundo que tome leite de vaca, que é moi bo", sentencia unha muller.