Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os prezos soben tres décimas en maio polo encarecemento da electricidade

Os prezos soben tres décimas en maio polo encarecemento da electricidade

A inflación sitúase no 3,6 %, segundo o dato adiantado do IPC publicado polo INE

O ministro de Economía asegura que a inflación se atopa nun marco de "moderación gradual e aterraxe progresiva"

G24.gal 30/05/2024 08:57 Última actualización 30/05/2024 11:46

A inflación subiu tres décimas en maio, ata o 3,6 %, debido principalmente ao encarecemento da electricidade e á menor baixada dos prezos dos carburantes.

Segundo o dato adiantado do Índice de Prezos de Consumo (IPC) publicado este xoves polo Instituto Nacional de Estatística (INE), tiraron á alza da inflación a electricidade, que subiu este mes fronte á baixada de hai un ano, e os carburantes, cuxos prezos diminuíron menos.

Os prezos encadean cinco meses á alza na súa taxa mensual aínda que se moderaron catro décimas respecto a abril.

fonte: INE

A taxa de variación anual estimada da inflación subxacente, o índice sen alimentos non elaborados nin produtos enerxéticos, aumentou unha décima en maio, ata o 3 %. Rompe así con nove meses de baixada. 

A inflación está nun marco de "aterraxe progresiva", segundo o Goberno

O Ministerio de Economía, Comercio e Empresa explica que a inflación subxacente se eleva unha décima "influída polo aumento dos prezos dos servizos relacionados co turismo: paquetes turísticos, transporte de pasaxeiros e aloxamento".

Nun comunicado, o ministro Carlos Cuerpo valora que a evolución da inflación nos últimos meses se mantivese "estable", o cal permite, asegura:  "Mellorar o poder adquisitivo das familias, que recuperaron xa o nivel previo á pandemia, e manter a competitividade das empresas españolas".

En declaracións aos medios antes de participar no evento de lanzamento en Europa do novo programa BID for the Americas, Cuerpo sinalou que a inflación se atopa nun marco de "moderación gradual, de aterraxe progresiva que expón o propio Banco Central Europeo nos seus escenarios".

A xuízo do ministro, a volatilidade que ocorreu no 2022 e no 2023, sobre todo en materia de prezos enerxéticos, "vaise desfacendo", e salientou un dato: "Se se compara a inflación en taxa mensual, a evolución está en liña ou mesmo por baixo do que viñamos observando antes da crise de inflación ou antes da pandemia".

Con respecto á posible prórroga da rebaixa do IVE dos alimentos, que finaliza en xullo, Cuerpo sinalou que se está facendo un seguimento "pormenorizado" dos datos e que a evolución do prezo dos alimentos non se coñecerá ata mediados de xuño.

"Cando o saibamos exactamente", engadiu, abordarase a cuestión, aínda que avanzou que polo momento non hai "un sinal de repunta dos prezos dos alimentos", e a moderación da inflación está a permitir a recuperación da capacidade de compra dos fogares. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade