Os reis de Bélxica fan turismo por Galicia tras completar o Camiño de Santiago
A deste ano é probablemente a estadía máis especial para eles porque foi cando lograron culminar a peregrinaxe a Santiago
Eran as dez da mañá cando a familia real belga saía do hotel no que está aloxada. Os monarcas e tres dos seus catro fillos, os principes Gabriel, Eleonor e Emmanuel, e toda a comitiva que os acompaña, iniciaban a xornada de turismo coa máxima discreción.
A deste ano é probablemente a estadía máis especial para eles porque foi cando lograron culminar a peregrinaxe a Santiago. Un fito que coincidiu ademais con varias celebracións familiares. Porque, o pasado martes, o 65 aniversario do monarca pillouno facendo o camiño. A súa filla, a princesa Eleonor, fixo onte 17 anos. Coma uns peregrinos máis, Filipe e Matilde de Bélxica e a súa familia remataban no Obradoiro a derradeira etapa do Camiño francés. Esta última tirada partira de Sarria hai uns días. Unha presenza que pasou totalmente desapercibida.
Os 700 quilómetros de peregrinaxe a Santiago fixéronos por etapas, que foron percorrendo a pé por treitos durante as súas vacacións de Semana Santa, coa única paréntese da pandemia. Comezaron hai oito anos, en 2017, en Roncesvales.
Tras pasar a xornada facendo turismo, a familia real ten previsto asistir ás seis da tarde á misa da Cea do Señor na catedral, onde serán recibidos polo arcebispo de Santiago.