Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os Reis despediron a princesa Leonor, que estará seis meses no Juan Sebastián Elcano

Os Reis despediron a princesa Leonor, que estará seis meses no Juan Sebastián Elcano

Tras partir de Cádiz, o buque Juan Sebastián de Elcano chegará a próxima semana ás Canarias. O percorrido, de seis meses, incluirá ademais o Uruguai, Chile, o Perú, Panamá, Colombia, a República Dominicana e os Estados Unidos

G24.gal 11/01/2025 09:53

O buque escola da Armada española Juan Sebastián de Elcano partiu este mediodía do porto de Cádiz para realizar, coa princesa Leonor a bordo, o seu 97 cruceiro de instrución.

Os reis de España presidiron a despedida do buque, no que a súa filla, e outros 75 guardamarinas realizarán unha travesía de case seis meses.

Do mesmo xeito que os reis, máis de 1.600 familiares dos 76 guardamarinas acudiron ao peirao de Cádiz para esta despedida do case centenario bergantin-goleta, onde se viviron escenas de emoción ante a partida dos futuros oficiais da Armada e a dotación do buque.

Desde o peirao e a escasos metros do buque, coa princesa Leonor e o resto dos seus compañeiros en formación para a partida do buque, os reis lanzaron bicos, en ocasións abrazados para apoiarse neste momento de emoción, mentres o veleiro bergantín-goleta partía do porto de Cádiz.

"Moi emotivo loxicamente", dixo o rei aos xornalistas antes de embarcarse, coa raíña, no barco "Vixía da Armada" para despedir desde o mar ao buque escola, que inicia hoxe un percorrido de seis meses.

A raíña non puido evitar as bágoas ao ver afastarse á súa filla no navío, mentres a princesa, riseira e emocionada, axitaba a súa gorra, como os seus compañeiros, para despedirse dos familiares.

"Hai máis nais", comentou a raíña aos xornalistas cando lle preguntaron polas súas bágoas e a visible emoción coa que viviu a partida.

O rei, como moitos outros pais, sacou o seu móbil para captar o emocionante momento da partida, que el mesmo viviu en 1987.

Felipe VI, que fixo este cruceiro de instrución en 1987, e dona Letizia subiron a bordo deste case centenario bergantín-goleta para saudar a tripulación e despedir a todos os gardiamariñas que atravesarán o Atlántico, tras o que os compañeiros da princesa Leonor darán os seus últimos abrazos ás súas familias antes de partir.

Os reis seguiron desde outro buque da Armada a saída ao mar do Juan Sebastián de Elcano, no que a súa filla, a herdeira da Coroa, completará a súa formación naval.

Desde que chegou o mércores pasado a Cádiz para embarcarse no buque escola, a princesa participou en varios dos actos tradicionais dos gardamariñas, como a tradicional recepción que ofrece o concello da cidade, a ofrenda floral no panteón de Mariños Ilustres, situado na Escola de Suboficiais da Armada en San Fernando, e a ofrenda á Virxe do Carme, patroa da Armada.

Aínda que estes días previos non durmiu no barco, a princesa, xunto co resto dos seus compañeiros, pasou varias horas a bordo para coñecer os espazos nos que convivirán coa dotación do buque, que en total levará a bordo a 250 persoas, as rutinas das súas xornadas e os traballos que os esperan a bordo.

Así, no barco atracado, Leonor de Borbón fixo o xoves pasado un dos exercicios máis salientables que executará durante a súa instrución naval, a subida a un dos seus catro paus, de case 50 metros de altura, para manobrar coas velas.

Tamén comeu cos seus compañeiros de promoción e viuse polas rúas de Cádiz co seu uniforme de gardamariña: "Pero que bonita es, filla!", dicía este venres unha veciña cando a princesa paseaba xunto a outros tres compañeiros, mentres outros cidadáns aplaudían.

Tras partir de Cádiz, o buque Juan Sebastián de Elcano chegará a próxima semana ás Canarias. O percorrido, de seis meses, incluirá ademais o Uruguai, Chile, o Perú, Panamá, Colombia, a República Dominicana, os Estados Unidos e, de volta a España, Xixón e Ferrol antes da súa chegada á Escola Naval Militar en Marín, o 14 de xullo para posteriormente regresar a Cádiz.

Aínda que Leonor de Borbón desembarcará en Nova York para voar a España e permanecer un mes a bordo dunha fragata, antes de volver unirse aos seus compañeiros, no último tramo do cruceiro, en Xixón, o 7 de xullo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade