Publicador de contidos
Publicador de contidos

Filipe VI, dona Letizia e os reis eméritos participan na recepción oficial de Carlos III

Filipe VI, dona Letizia e os reis eméritos participan na recepción oficial de Carlos III

Primeira imaxe xuntos dos eméritos desde que don Xoán Carlos marchou a Abu Dhabi

A raíña emérita viaxou a Londres nun avión da forza aérea con don Filipe e dona Letizia

G24.gal 18/09/2022 20:57 Última actualización 18/09/2022 21:17

Dez días de homenaxes que chegan á súa fin. Este luns celebrarase o funeral de Estado pola raíña Isabel II. E para asistir a ese funeral xa están en Londres os líderes mundiais. Esta tarde acudiron a unha recepción en Buckingham. 

Os reis de España, Filipe VI e Letizia, atenderon as recomendacións das autoridades británicas para evitar o caos na cidade e chegaron a Buckingham en autobús para participar na recepción que ofrece Carlos III a máis de 500 xefes e ex-xefes de Estado. 

Minutos antes accedían ao palacio os reis eméritos, Xoán Carlos e Sofía, que tamén se desprazaron en autocar. Outros líderes, coma o presidente dos Estados Unidos, Joe Biden, ou o presidente francés, Emanuel Macron, chegaron en coche.

Os reis eméritos á súa chegada ao palacio de Buckingham

Primeiro encontro tras marchar a Abu Dhabi

Esta é a primeira vez que os reis eméritos aparecen xuntos desde que don Xoán Carlos marchou a vivir a Abu Dhabi hai dous anos, aínda que a viaxe a Londres fixérona por separado.

A raíña Sofía viaxou no avión da forza aérea española xunto aos reis Filipe e Letizia, que pasarán as próximas horas, ata despois do funeral, na residencia do embaixador español. O rei emérito viaxou pola súa conta e compartirá hotel con dona Sofía.

Os catro participan na recepción oficial do novo rei de Inglaterra e coincidirán tamén no funeral deste luns. Aínda así non parece probable que senten todos xuntos xa que, por protocolo, o rei Filipe, como xefe de Estado, e a raíña Letizia estarán nos primeiros lugares.

O funeral por Isabel II é tamén o primeiro acto institucional do rei emérito en dous anos e unha ocasión para reencontrarse non só con reis de España, senón tamén co resto dos monarcas que están en Londres.

Filipe VI e a raíña Letizia na capela ardente
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade