Os sindicatos cren que a fusión BBVA-Sabadell debe garantir todos os empregos en Galicia
Os sindicatos cren que a fusión BBVA-Sabadell debe garantir todos os empregos en Galicia
O responsable de banca en CCOO Galicia considera "compatible" a fusión co mantemento dos 1.000 empregados que suman neste momento as dúas entidades na comunidade
Jorge Villarino sinala que hai unha "infradotación" de recursos humanos que permitiría integrar todo o persoal nunha oficina nos lugares en que se solapasen sucursais
Avoga por renovar o convenio do sector cun "acordo xusto" antes de certificar a operación e que calquera "pequeno excedente" sexa sen medidas traumáticas
O responsable do Sector Financeiro en CCOO Galicia, Jorge Villarino, considera que unha posible fusión do BBVA e o Banco Sabadell "debería ser compatible" co mantemento dos arredor de 1.000 empregados que suman neste momento as dúas entidades en Galicia. Así o afirmou nunha entrevista no Galicia por diante da Radio Galega.
Jorge Villarino cre que esta posible fusión é diferente ás que houbo nos últimos anos en España. Afirma que as que se realizaron nos últimos quince anos "foron motivadas pola crise do 2008 e, posteriormente, tamén pola pandemia. Agora mesmo estamos a falar dunha operación que se presenta cunha prima de adquisición. Aquí non estamos a falar da adquisición dunha entidade por un euro, como pasou no pasado, senón que estamos a falar dunha prima sobre o valor da acción dun 30 % que está a ofrecer a entidade que adquire".
Neste senso, "entendo que este é un factor moi relevante para ter en conta como se vai acometer este proceso. Nós, como CCOO, imos ser garantes de que esa afirmación que fai o BBVA de que esta vai ser unha fusión non traumática para o emprego sexa así".
Sobre as motivacións da operación, Jorge Villarino explica que "o BBVA está considerando que o Sabadell é un bo negocio e se é un bo negocio é pola xente que traballa no Sabadell, polas persoas que integran ese cadro e que deben ser tratadas con absoluta garantía nun proceso de fusión das dúas entidades. Para iso estamos en CCOO, que somos maioritarios no Sabadell e que temos unha posición moi relevante no BBVA".
Con respecto ás características das entidades, o responsable de banca en CCOO Galicia indica que "o Sabadell é un banco que se especializou moito nas pemes e que pode ter esa presenza como negocio complementario ao que ten agora o BBVA. De feito, iso é o que entendo que está a valorar o consello de administración [do BBVA]. Nun eventual proceso de integración, os seus cadros de persoal están no mesmo convenio (o de banca) e, polo tanto, iso tamén facilita a integración".
A nivel laboral, Jorge Villarino di que os sindicatos "pedimos que nesa eventual integración se melloren as condicións dos seus cadros de persoal. Dentro deste convenio de banca, tamén acadar un acordo. Estamos a falar que moi recentemente, no mes de marzo, houbo a primeira folga en décadas no sector financeiro por mor de que as patronais non son capaces de facer unha oferta minimamente digna para poder pechar a negociación do convenio colectivo. Esperamos que antes de ter que afrontar esta integración destas dúas entidades poidamos ter pechado ese capítulo do convenio colectivo cun acordo xusto que permita a recuperación do poder adquisitivo perdido nestes anos".
Sinala que "tendo en conta a infradotación de oficinas que temos actualmente de persoal na rede galega como noutras redes do resto do Estado, a integración sería perfectamente compatible dentro da rede galega. Aínda que se estivera a falar que se solapasen oficinas do BBVA e o Sabadell en determinados territorios ou en determinadas prazas, non habería ningún problema en que as persoas que están a traballar nunha ou noutra oficina se integrasen nun só local. Polo tanto, desa maneira darían un servizo adecuado á clientela, que é outra das patas desta fusión. O que non se pode tolerar é que a concentración do sistema financeiro vaia producindo unha exclusión financeira en determinadas localidades e, por outra, unha falta de atención ás persoas derivada desa infradotación".
O responsable do sector financeiro en CCOO en Galicia manifesta "que esta operación, que levaría o cadro de persoal en Galicia a unhas 1.000 persoas sumando as das dúas entidades, sería perfectamente compatible co mantemento dos cadros de persoal. Se houbese algún pequeno excedente, sempre sería acometendo saídas voluntarias negociadas e non traumáticas, como di o BBVA nese comunicado".