Os socialdemócratas decláranse vencedores das eleccións en Lituania
Os socialdemócratas decláranse vencedores das eleccións en Lituania
As primeiras lexislativas desde a invasión de Ucraína dánlles a vitória aos socialdemócratas de Vilija Blinkevičiūtė por diante da primeira ministrra conservadora Ingrida Simonyte
O Partido Socialdemócrata de Lituania (LSDP) declarouse o vencedor das eleccións lexislativas na segunda rolda que se celebrou este domingo no país báltico, fronteirizo con Rusia e con Bielorrusia, e que son as primeiras desde a invasión de Ucraína.
Contadas as papeletas de 1.652 dun total de 1.685 colexios, é seguro que os socialdemócratas de Vilija Blinkevičiūtė formarán a maior facción no Parlamento unicameral ou Seimas, por diante da conservadora Unión Nacional-Demócratas Cristiáns Lituanos (TS-LKD) da primeira ministra, Ingrida Simonyte.
As proxeccións indican que se farán con 50 escanos dun total de 141, o que lles permitirá previsiblemente formar unha coalición de Goberno con outros dous partidos de centro actualmente na oposición.
"O resultado das eleccións demostra que a xente de Lituania, sen importar onde viven, en cidades grandes ou pequenas ou en vilas, queren un cambio, queren un Goberno completamente diferente", afirmou Blinkevičiūtė na sede do seu partido.
Con todo, a actual eurodeputada non quixo confirmar se ela será a próxima primeira ministra ou se ocupará o cargo outro membro do seu partido. Pola súa banda, o líder do TS-LKD, Gabrielius Landsbergis, recoñeceu a súa derrota e manifestou a esperanza de que o LSDP forme "un Goberno responsable".
O partido conservador presidiu durante a última lexislatura unha coalición de centro-dereita que, segundo os analistas, perdeu popularidade debido a varios escándalos políticos e á forte subida da inflación.
Un cambio de Goberno na pequena república báltica, integrante da UE e da OTAN, pode afectar á política nacional, pero espérase que a nivel de política exterior os socialdemócratas manteñan a liña de firme apoio a Ucraína e de aumento do gasto militar por encima do 3,5 % do PIB.