Os talleres de vehículos quedan sen persoal: 2.000 postos de traballo sen cubrir
Os talleres de vehículos quedan sen persoal: 2.000 postos de traballo sen cubrir
En dez anos xubílase o 20 % dos mecánicos e o 40 % dos chapistas e pintores
O sector pide axudas para fomentar a formación e anima as mulleres a incorporarse ao oficio
A falta de man de obra é un mal que afecta moitos sectores produtivos galegos, e no caso dos talleres de automoción a situación acada datos preocupantes. Cunha media de idade próxima aos 45 anos, o sector calcula que nos próximos dez anos vai xubilar máis do vinte por cento do persoal.
Unha cifra que no caso de especialidades como chapa e pintura achégase ao 40 por cento. Para paliar este déficit os talleres tiran de traballadores estranxeiros e, sobre todo, animan ás mulleres a dar o paso para incorporarse a un oficio, que segundo a patronal ofrece boas condicións laborais.
A situación é case unánime nos arredor de catro mil talleres mecánicos e de reparación de vehículos que se manteñen abertos en Galicia.
"É un problema serio, moi grave, porque non hai xente, non atopamos persoal cualificado para atender todo o traballo que temos", sinala Jesús López, un dos socios do taller +Taller, situado no polígono de Barreiros en Ourense. "Necesitamos un pintor e un chapista máis para sacar adiante os traballos pendentes. Pero é unha 'especie' inalcanzable, porque non hai. Só quedan uns cantos e están rifados", engade Jesús.
No seu taller quen saca adiante os traballos de chapa e pintura é un inmigrante romanés, Alex Vranceanu, que saíu do seu país con dezaseis anos e logo dunha estancia en Zaragoza e probar no mundo da construción recalou en Ourense especializándose en chapa e pintura.
"Animo os mozos a entrar nesta profesión. Ten que gustarche, claro, pero se probas verás que é moi bonito moldear as chapas e o pintado dos coches", asegura Alex.
O sector calcula que hai agora uns dous mil postos de traballo sen cubrir nas especialidades de electricidade, mecánica e chapa e pintura. Esta última é a que máis persoal necesita agora e, sobre todo, vai necesitar no futuro, porque a idade media rolda os 48 anos. Os talleres tiran dos inmigrantes foráneos e estranxeiros. Pero outra solución sería incorporar mulleres a este oficio.
"A valoración das mulleres é moi boa, achegan calidade e bo facer á profesión. Estamos demandando tanto na Formación Profesional como nos certificados de profesionalidade, que nós emitimos, a incorporación de máis mulleres a un oficio que é moi bonito e ten moito futuro", sinala Fernando López, secretario xeral de ATRA, Asociación Autónoma de Empresarios de Talleres de Reparacións de Vehículos de Pontevedra.