Os traballadores de Navantia prolongan as protestas cun peche no estaleiro de Ferrol
Os traballadores de Navantia prolongan as protestas cun peche no estaleiro de Ferrol
Este xoves a representación dos traballadores afronta unha nova xuntanza coa empresa coas posturas moi distantes respecto ao plan estratéxico e o convenio colectivo
Os traballadores de Navantia Ferrol, que este martes secundaron a primeira protesta dun novo calendario de mobilizacións en demanda de avances na negociación do convenio colectivo e do plan estratéxico para a empresa, comezaron este mércores á mañá a un peche de 24 horas de duración no interior do estaleiro.
Tras a manifestación que abriu o novo ciclo de medidas de presión, o peche desenvolverase ata a mañá do xoves, cando sindicatos e dirección do grupo naval público manterán un novo encontro telemático.
Carlos Díaz, presidente do comité de empresa, explicaba este mércores no programa Bos días da Televisión de Galicia que "os traballadores están fartos de vivir esta situación e onte na quenda de noite xa se iniciou o peche que continuará durante 24 hora á espera de que haxa algún avance na negociación prevista para mañá".
Díaz conta que "temos dúas mesas [de negociación] importantes, por un lado o convenio colectivo e outra o plan estratéxico".
Respecto ao plan estratéxico "a importancia que ten para nós, a parte de investimentos e carga de traballo, son aqueles 1.500 empregos que anunciara Pedro Sánchez hai máis dun ano para Navantia e nós reclamamos a nosa parte", afirmaba o presidente do comité.
"Sabemos que outras zonas xeográficas están bebendo desas novas incorporacións de emprego público e aquí aínda non. Queremos manter esa porcentaxe que remos que nos pertence para manter a capacidade produtiva", aseguraba Carlos Díaz.
En canto ao convenio colectivo, o representante dos traballadores lamentaba que "levamos xa preto de tres anos sen convenio, dous anos e pico de negociación, de mala negociación porque a empresa non está poñendo nada enriba da mesa".
O comité de empresa presenta como fundamental nesa negociación establecer unha escala salarial para o dos grupos profesionais 1 e 2, que son basicamente os titulados. "É incrible que preto do 40 % do persoal de Navantia, nunha empresa pública desta categoría, non teña unha escala salarial. Hai unhas letras asignadas para cada traballador, pero non teñen asignado un salario", dicía Díaz.
E por outra banda tamén queren acordar un sistema de promoción. "Casualmente se se conseguise ese sistema de promoción os traballadores sen esa escala salarial poderían promocionar sen saber cal sería o seu salario".
Ademais tamén queren que se modifique a situación do persoal que se incorpora á empresa, porque aseguran que "están catro anos nuns niveis de formación, dous anos de formación e dous anos de adecuación ao posto, e a realidade é que desde o primeiro mes están a traballar. E falamos de preto de 400 traballadores aquí en Ferrol".
Finalmente, o presidente do comité de empresa tamén afeaba a contradición entre a actitude da dirección de Navantia e o que expresa o Goberno, "un Goberno que presume de ser o máis progresista da historia da democracia, un Goberno que o outro día a ministra de Facenda, da que nós dependemos, o outro día reivindicaba as 35 horas semanais, nós levamos na reivindicación ir camiñando cara ás 35 horas semanais e a resposta por eles é un non rotundo".