Falece o segundo traballador que quedou ferido o pasado xoves nun estaleiro de Ferrol
Falece o segundo traballador que quedou ferido o pasado xoves nun estaleiro de Ferrol
O pasado venres tamén morreu o outro operario que quedou moi grave tras o incidente
O accidente laboral ocorrido o xoves pasado no estaleiro Blasar da Graña, en Ferrol, cobrou este luns a vida dun segundo traballador, logo de que xa o venres morrese o outro operario que resultou gravemente ferido neste sinistro.
O suceso produciuse á primeira hora da tarde do 3 de outubro, sobre as 15:30 horas, transcendendo nun primeiro momento que o mono de traballo de ambos acabou prendendo lume, tras entrar en contacto cun líquido mentres traballaban no interior da adega dun buque que estaban a reparar.
Nun primeiro momento, ambos foron trasladados ao Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol e derivados desde alí ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC), debido á gravidade das súas feridas, onde ambos acabaron por falecer.
En paralelo, as autoridades teñen aberta unha investigación para clarificar as causas deste accidente laboral que supuxo a morte destes dous operarios.