Os traballadores de Vitrasa tomban o acordo ao que chegaron sindicatos e empresa
Os traballadores de Vitrasa tomban o acordo ao que chegaron sindicatos e empresa
173 empregados apoiaron continuar coa folga indefinida que comezaron o 25 de novembro
Os traballadores de Vitrasa, concesionaria do autobús urbano en Vigo, tombaron na asemblea que se celebrou este venres o acordo ao que chegaran os sindicatos e a empresa o xoves para suspender a folga indefinida durante un mínimo de tres semanas a cambio dunha subida salarial do 2,5 % e de continuar coa negociación do convenio.
Dos empregados que participaron na votación, 173 apoiaron continuar coa folga indefinida que comezaron o 25 de novembro, 33 votaron en contra de seguir en folga e 12 abstivéronse.
A empresa propuxera un incremento do 2,5 % correspondente a 2023 que se consolidaría nas táboas salariais do 2024 e que se sumaría ás subidas que durante o convenio se puidesen negociar.
Vitrasa tamén se comprometeu á retirada de sancións e expedientes sancionadores pendentes de resolución e programar unha reunión semanal, como mínimo, para tratar de pechar o convenio e solicitar a mediación do Consello Galego de Relacións Laborais.
O preacordo incluía ademais un plus do 25 % do salario base por noite efectiva traballada para o persoal que realizase traballo nocturno no taller.
Os traballadores non consideraron suficientes esas melloras e rexeitaron o principio de acordo entre sindicatos e patronal.