Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os traballadores sociais demandan en Santiago un sistema público de atención á dependencia

Os traballadores sociais demandan en Santiago un sistema público de atención á dependencia

Os manifestantes critican que as modificacións da Xunta "non van axilizar nada"

G24.gal 10/02/2025 15:53

Os traballadores sociais concentráronse este luns en Santiago de Compostela en defensa dun sistema público de atención ás persoas dependentes, e criticaron que as últimas modificacións introducidas pola Xunta non axilizaron o acceso ás prestacións.

A mobilización, á que asistiron o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, e a deputada do BNG Olalla Rodil, levouse a cabo diante da sede da Xunta en San Caetano e nela gritáronse consignas como "os coidados non se venden, os coidados se defenden" ou "máis recursos e menos anuncios", entre outras.

A presidenta do Colexio Oficial de Traballadores Sociais de Galicia, Miriam Rodríguez Sierra, afirmou en declaracións aos xornalistas que a Consellería de Política Social aínda está a atender as solicitudes do ano 2023 e que as modificacións realizadas na tramitación "non van axilizar nada".

"Simplemente modificouse a solicitude, suprímese o informe social e por este motivo os profesionais deixan de acompañar os dependentes e deixan de facer o ditame técnico", indicou. Ademais, explicou que os recursos máis solicitados actualmente son as prazas nas residencias públicas e o servizo de axuda no fogar, que "hoxe están saturados", asegurou.

"A Xunta nin inviste nin ten as estruturas necesarias para que estes servizos sexan de calidade e cheguen a todas as persoas dependentes", criticou Rodríguez Sierra.

A representante do BNG Olalla Rodil criticou que a falta de recursos e de persoal especializado nos equipos de orientación e valoración "atenta contra os dereitos fundamentais das persoas dependentes". Rodil engadiu que tamén "atenta contra o propio modelo de benestar e coidados que defende o BNG, que é un servizo público que garanta os dereitos fundamentais das persoas".

Pola súa banda, Besteiro indicou que en Galicia unhas 4.000 persoas non teñen aínda resolvido o seu expediente e outras 1.500 non poden acceder a unha residencia pública a pesar de ter xa recoñecido este dereito porque non hai prazas e os centros privados "teñen prezos inasumibles" para a maioría das persoas.

O líder dos socialistas galegos afirmou que Galicia é das comunidades con menor número de prazas de residencias públicas a pesar de ser onde máis demanda existe debido ao envellecemento da poboación.

Pasado máis dun mes desde a publicación das modificacións nas valoracións, as profesionais do sector "non teñen información nin se reuniron con elas, algo que consideramos debe ser abordado coa máxima urxencia", indican os convocadores nun comunicado.

"É totalmente intolerable que a día de hoxe Fabiola García (conselleira de Política Social) siga intentando eludir unha reunión na que afrontar as graves trabas na tramitación da dependencia", critican.

Segundo datos dos propios convocadores da protesta, unha media de 30 persoas "morren cada mes nas listas de espera: a situación é insostible, inhumana".

Denuncian que "a precariedade" do servizo chega ao momento de que Galicia ostenta a porcentaxe de solicitudes de dependencia "máis baixo de todo o Estado: só 18 de cada 100 persoas dependentes a solicitan, desmotivadas pola falta de medios e continuas modificacións lexislativas", sinalan.

A concentración en defensa do sistema público de atención ás persoas dependentes celebrada na mañá do luns foi convocada polo Colexio Oficial de Traballadores Sociais de Galicia, CCOO e Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas, todas integrantes do Consello Galego de Benestar Social.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade