Transportistas galegos preparan demandas para reclamar as perdas polas protestas en Francia
Transportistas galegos preparan demandas para reclamar as perdas polas protestas en Francia
Calculan que cada camión bloqueado está perdendo uns 600 euros diarios
O contador de perdas sobe cada día que pasa bloqueado un camión. Explican na asociación de transportistas Apetamcor, que os custes son duns 40 euros por hora. "O primeiro día son 400 euros", calcula a secretaria xeral, Miriam Otero. "O segundo día aumenta un 25 por cento, serían 500 euros, e a partir do terceiro son 600 euros por día", engade.
Iso canto aos custos de paralización do camión, pero as protestas en Francia provocan máis perdas aos transportistas. "Outra parte grande é a perda de mercados e o produto que se perde", di José García Cumplido, secretario xeral de Fegatramer.
Con todo, afirma que o que máis lles preocupa "é a violencia en relación cos camións e cos condutores".
As asociacións de transportistas prepáranse para unha reclamación conxunta dos danos. "Reclamar as paralizacións vai ser complexo, as mercadorías si", explica García.
Dende Fegatramer recomendan gravar vídeos deses danos, e incorporar albarás e facturas "para trasladalos no seu momento á embaixada, e que reclamen ao Goberno francés".
O mesmo traballo están facendo en Apetamcor: "Recollemos os documentos de cada empresario, que acrediten os danos ou as paralizacións que tiveran -explica a secretaria xeral- e procederemos a facer unha reclamación conxunta a nivel nacional".
Dende as asociacións, temen polo efecto contaxio: as protestas estendéronse a Bélxica e xa hai convocatoria en España.