Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os trens Avril chegarán a Galicia con dous anos de atraso sobre as previsións iniciais

Os trens Avril chegarán a Galicia con dous anos de atraso sobre as previsións iniciais

Goberno, Renfe e Talgo atribuén os atrasos a problemas na fabricación e homologación das unidades

G24.gal 05/01/2024 14:46 Última actualización 05/01/2024 15:02

O primeiro tren de alta velocidade saía en decembro de 2021 da estación de Ourense coa promesa de que en poucos meses entrarían en servizo as novas unidades que levarían a alta velocidade ao resto de cidades galegas.

"Continuaremos coa mellora de tempos a Galicia. Será posible coa chegada dos trens da serie 106 de Talgo", aseguraba Raquel Sánchez, a daquela ministra de Transportes.

Desde esta data inicial fóronse encadeando sucesivos atrasos. A empresa fabricante atribuíu os primeiros problemas aos efectos da pandemia. As acusacións cruzadas con Renfe provocaron tensións que levaron o Goberno a dar as primeiras explicacións.

"A deriva vén de atrás porque o proceso de fabricación leva un tempo", xustificaba Isabel Pardo de Vera, daquela secretaria de Estado de Transportes.

A primeira data oficial para a chegada dos Avril fixouse para o segundo semestre de 2022. Era o primeiro ano Xacobeo.

"Falla a planificación. Descoñecemos se hai causas sobrevidas. Parece que os galegos temos que asumir o cambio de datas como novos cambios de opinión por parte do goberno de España", denunciaba Ethel Vázquez, Conselleira de Infraestruturas.

Logo veu o 2023 e o sector do turismo alertaba dos prexuízos dos sucesivos atrasos para a economía: "No 2022 iamos ter aquí os trens. Logo na primavera de 2023 e agora non sabemos cando", argumentaba, Juan Manuel Vieites, presidente da Confederación de Empresarios de Galicia.

Durante o último ano as probas técnicas e o proceso de homologación das novas unidades volveron mudar as datas fixadas.

"Calculamos que a chegada dos trens será en torno a outubro ou novembro", avanzaba Raquel Sánchez. 

Finalmente, en marzo de 2024, case dous anos despois da previsión inicial, a alta velocidade chegará a Vigo, Santiago e A Coruña.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade