Os tres equipos galegos quedan eliminados da Copa do Rei de fútbol sala
Os tres equipos galegos quedan eliminados da Copa do Rei de fútbol sala
O Parrulo e o Burela chegaron en vantaxe ao descanso, pero na segunda metade os rivais de superior categoría impuxeron a lóxica
O Noia perdeu por 3-1 na pista do modesto Mengíbar, da Segunda División
O Burela Pescados Rubén foi o equipo galego que estivo máis preto de superar a eliminatoria da Copa do Rei. Gañaba ao descanso por 1-0 cun gol de Jorge Quelle ao Ribera Navarra, da LNFS. Pero o equipo de superior categoría conseguiu remontar no segundo tempo grazas ao acerto de Carlos Bartolomé, autor dos dous goles do equipo dirixido por Juanma Marrube, que foi adestrador burelao durante catro temporadas.
O Parrulo de Ferrol fixo unha primeira metade soñada e marchou ao vestiario gañando por 2-0 (Domingos e Novoa) ante todo un Santa Coloma, tamén da LNFS. Pero no segundo tempo os visitantes amosaron todo o seu potencial e remontaron a eliminatoria cun parcial de 0-5. O temperán gol de Povill meteunos no partido e nos últimos dez minutos conseguiron poñer o definitivo 2-5.
O Noia Portus Apostoli visitaba a pista do Mengíbar e foi un dos conxuntos da máxima categoría que quedou eliminado. Ao descanso o resultado era de empate (1-1) e na segunda parte o desacerto dos xogadores de Tomás de Dios foi aproveitado polo equipo local (13.º na Segunda División) para lograr unha clasificación coa que poucos contaban.