Críticas ás esixencias da DXT para os vehículos de mobilidade persoal
Críticas ás esixencias da DXT para os vehículos de mobilidade persoal
Os VMP deben estar homologados e ter o certificado da DXT para poder circular
Os comercializados antes do 22 de xaneiro dispoñen de tres anos para conseguir a certificación
Os vehículos de mobilidade persoal, como os patinetes eléctricos, necesitan para circular un certificado da DXT que garanta a súa seguridade. A norma é nova e aínda non é obrigatoria para os VMP comercializados antes do 21 de xaneiro, pero estas novas esixencias técnicas provocaron malestar entre as asociacións de usuarios.
Desde o 22 de xaneiro, todos os patinetes eléctricos que se venden teñen que estar homologados e circular cun certificado da DXT que garanta a seguridade do modelo.
"Teñen que ter luces diante e detrás, reflectores nos laterais e un timbre. Non poden circular a máis de 25 quilómetros por hora e deben ter un bo sistema de freado", explica Joan Assunçao, que vende e repara patinetes eléctricos nunha tenda da Coruña.
A información básica, incluído o número de certificación, debe aparecer nunha placa identificativa incorporada no vehículo.
Os patinetes eléctricos comercializados ata o 21 de xaneiro poderán circular sen o certificado durante tres anos, pero as esixencias técnicas da DXT non son unicamente para eles. Afectan a todos os VMP, como o monociclo que, se nada cambia, estará vetado para circular en 2027.
O manual de esixencias técnicas é moito máis esixente que a normativa europea cos vehículos autoequilibrados. Os monociclos eléctricos vano ter moi difícil porque a DXT esixe, por exemplo, o dobre sistema de freado, compatible cos patinetes eléctricos, pero non cos autoequilibrados. Moitos deles irán ao lixo", denuncia Enrique Fernández, presidente da asociación de usuarios creada na Coruña.
En España hai un parque de cinco millóns de vehículos de mobilidade persoal. As asociacións de usuarios critican que a DXT non contase con elas e cuestionan uns requisitos que deixan fóra miles de VMP.