Publicador de contidos
Publicador de contidos

Santiago impulsa a mobilidade en bicicleta e veta o uso turístico dos patinetes na zona vella

Santiago impulsa a mobilidade en bicicleta e veta o uso turístico dos patinetes na zona vella

O Concello presenta a nova ordenanza de mobilidade coa que buscan unha cidade "máis amable e máis saudable"

O uso da bicicleta na zona histórica estará permitido cun límite de 10 km/h

Imaxe de arquivo dunhas bicicletas na rúa do Franco (César Arxina / Europa Press) Imaxe de arquivo dunhas bicicletas na rúa do Franco (César Arxina / Europa Press)
G24.gal 16/09/2024 15:54 Última actualización 16/09/2024 17:00

O Concello de Santiago aprobou en Xunta de Goberno dous documentos "fundamentais" respecto ao novo modelo de mobilidade municipal: o Plan de Mobilidade Urbana Sostible e a Ordenanza de Circulación e Uso da Vía Pública. Esta última permitirá a circulación de bicicletas pola zona histórica a unha velocidade máxima de 10 km/hora, así como dos VMP, pero non para uso turístico.

Así o detallou o concelleiro de mobilidade, Xan Duro, que comentou que o primeiro dos documentos debaterase no Pleno deste mes de setembro para a súa aprobación definitiva, mentres que o PMUS presentarase nun acto público previsto para o mes de outubro.

Ambos os textos, explicou, pretenden "avanzar cara a un novo modelo de mobilidade, no que teñan protagonismo os modos brandos de transporte e que priorice os desprazamentos a pé e en bicicleta".

"Trátase de ter unha cidade a medida das persoas e non dos vehículos, máis amable e mesmo máis saudable", asegurou.

A nova ordenanza pon o foco na mobilidade ciclista. E é que, tal e como apuntou o concelleiro, a ordenanza de Circulación en vigor é de 2012 "e non responde as necesidades actuais nin á vontade de avanzar cara a un modelo máis sostible, que priorice os modos brandos de transporte e en especial o uso da bicicleta".

A nova ordenanza de circulación permitirá que as bicicletas circulen pola zona histórica, respectando a velocidade máxima de 10 km/hora e "sempre que sexa compatible coa intensidade do tránsito peonil, e cando non exista sinalización que o prohiba expresamente por razóns históricas, artísticas ou de seguridade".

Poderán circular en grupo formando unha columna de dúas en determinadas condicións, acceder ás plataformas semafóricas cando os vehículos estean parados e usar remolques homologados.

A ordenanza tamén fai referencia ás distancias de circulación doutros vehículos con respecto á bicicleta (1,5 metros para adiantar e 3 para circular); e regula as prioridades de paso en cruces con carril bici e glorietas, entre outros.

Tamén se regula o estacionamento de bicicletas, permitindo o seu amarre a elementos do mobiliario urbano - sempre que non haxa un aparcamento específico preto -, salvo semáforos, postes de iluminación, bancos ou papeleiras; e sempre que non afecten nin alteren a súa función, ou impidan o tránsito peonil, de vehículos ou dificulten a accesibilidade. Non se poderán amarrar nas árbores.

Circulación na zona histórica

A ordenanza aprobada pola Xunta de Goberno inclúe un anexo específico sobre a regulación da mobilidade na cidade histórica, centrándose nas súas peculiaridades e na súa "necesidade dunha maior protección".

Nel especifícanse as condicións de acceso á zona vella, aludindo aos dispositivos de control que está previsto poñer en marcha esta mesma semana, ou os requisitos para solicitar os diferentes tipos de tarxeta existentes (residentes, titulares de establecementos mercantís, por razóns familiares, ou réxime especial das persoas titulares dos postos da praza de abastos).

En canto ao horario de carga e descarga, a ordenanza sinala que o establecido para esta actividade será de 7:00 a 10:00 horas, fronte ao contemplado na ordenanza aprobada inicialmente (de 7:00 a 9:00 horas) e ao horario vixente na actualidade (de 7.00 a 10:30 horas).

Ademais, as empresas de repartición de mochilas ou maletas poderán acceder entre as 12:00 e as 14:00 horas, as empresas de mensaxería urxente poderán acceder de 16:00 a 18:00 horas, e as motocicletas e bicicletas de repartición de mercadorías poderían acceder sen restrición horaria.

Novidades en VMP

A nova ordenanza de circulación e uso da vía pública tamén incorpora un anexo sobre a regulación dos vehículos de mobilidade persoal (VMP), que son aqueles vehículos dunha ou máis rodas, dotados dunha única praza e propulsados exclusivamente por motores eléctricos que poden proporcionarlles unha velocidade máxima de 25 km/h. Entre outros condicionantes para a súa utilización, especifícase que estará prohibido o seu uso turístico na cidade histórica.

Tamén se actualiza a clasificación das vías urbanas como zonas peonís, zonas de prioridade peonil, zonas residenciais ou de encontro, ou vías con limitacións para a circulación de vehículos de máis de 5,5 toneladas.

Neste último punto, e con respecto á modificación aprobada inicialmente, atendéronse as alegacións presentadas de maneira que se contemplan as excepcións dos vehículos de obra e transporte agrícola, e autobuses de transporte público, escolar e discrecional.

Tamén se incorporan á ordenanza os límites xenéricos de velocidade nas vías urbanas: 20 km/h nas vías que dispoñan de plataforma única de calzada e beirarrúa; 30 km/h nas vías dun único carril por sentido de circulación, e 50 km/h nas vías de dous ou máis carrís por sentido de circulación.

Así mesmo, o concelleiro lembrou que a ordenanza de circulación e uso da vía pública fora aprobada inicialmente en 2021, nun Pleno no que tamén recibiran luz verde diferentes emendas presentadas polos grupos da Corporación.

O texto foi sometido a exposición pública, un trámite durante o que tamén se presentaron diferentes alegacións por parte de 19 persoas e entidades, e parte delas foron incorporadas ao texto.

Xan Duro explicou que, despois da aprobación por parte da Xunta de Goberno, a ordenanza será debatida no próximo Pleno de setembro, para a súa aprobación definitiva.

Plan de Mobilidade Urbana Sostible

Ademais da nova ordenanza, a Xunta de Goberno tamén aprobou o novo Plan de Mobilidade Urbana Sostible.

O PMUS, tal e como sinalou Xan Duro, é "unha ferramenta de planificación que ten como obxectivo orientar as decisións relativas ao transporte e a mobilidade de maneira que avancemos cara a un modelo máis eficiente e sostible, que garanta unha contorna saudable, fronte aos anteriores modelos de transporte que viraban arredor dos vehículos motorizados".

Destacou ademais que o documento, que incorpora un Plan Director de Mobilidade Ciclista e un Plan Director de Mobilidade Peonil, desenvolveuse "de maneira moi participada", con numerosas reunións, foros e enquisas, "e formúlase como un PMUS vivo e en permanente evolución".

O PMUS, continuou, fixa como actuacións prioritarias a promoción do transporte público, o fomento da mobilidade a pé e en bicicleta, a xestión e optimización do aparcamento, a mellora da accesibilidade, e a mellora da conexión co medio rural e coa área metropolitana.

"Trátase de cambiar as prácticas establecidas nunha cidade na que o 63,6 % dos desprazamentos internos son en vehículo privado motorizado fronte ao 36,3 % que se realizan a pé e o 10,26% en transporte público", explicou. "O obxectivo é que o transporte privado se utilice para os desprazamentos estritamente necesarios", puntualizou.

O plan fixa unha serie de obxectivos de carácter xeral como contribuír a unha maior calidade de vida e á redución do impacto ambiental do transporte; conseguir mellor balance enerxético; ou avanzar cara a proxectos urbanísticos sostibles.

Tamén sinala obxectivos específicos como promover o uso dos modos de transporte non motorizados, potenciar o transporte público fronte ao automóbil privado, promover un uso máis racional do espazo público urbano, incidir sobre as condutas de mobilidade da cidadanía, ou contribuír á planificación sostible do desenvolvemento urbano.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade