Óscar Gilsanz, confirmado ata o final da temporada
Óscar Gilsanz, confirmado ata o final da temporada
O resultado na estrea diante do Cartaxena e o apoio do equipo fan que a directiva se decante polo betanceiro
Manuel Pablo será o encargado de dirixir o Fabril
O Deportivo anunciou que, finalmente, Óscar Gilsanz será o adestrador do primeiro equipo ata final de temporada. O técnico betanceiro, que xa dirixiu o equipo en Cartaxena, continuará no banco do Deportivo. Chegou ao club na temporada 20-21 e tras adestrar o conxunto xuvenil e o Fabril agora dá o salto ao fútbol profesional. Xunto a Óscar Gilsanz incorpóranse David Lagar como segundo adestrador e Antonio Méndez como asistente. Este mércores Gilsanz será presentado na Cidade Deportiva de Abegondo.
Gilsanz é un clásico dos bancos no fútbol galego. Estivo no Laracha, ascendeu co seu Betanzos á Terceira División e tivo un periplo exitoso no Racing Vilalbés. En 2018 chegou á estrutura do Deportivo. Primeiro, como adestrador do segundo filial en Terceira División (daquela o Laracha tiña ese cometido), pasou polo xuvenil, co que conseguiu a Copa de Campións, e desde 2021 era o adestrador do Fabril, co que subiu ata a 2.ª RFEF.
Manuel Pablo, ao Fabril
O seu substituto no Fabril será o ata o de agora adestrador do xuvenil de División de Honra Manuel Pablo. O histórico xogador do Deportivo terá a primeira experiencia en Segunda Federación, aínda que coñece boa parte do cadro. Hai moitos xogadores en idade xuvenil (Pablo García, Guerrero, Noé, Samu) que forman parte das formacións habituais do filial e outros que pasaron polas mans de Manuel Pablo nas últimas temporadas.